RGPD - Cookies
Deportes Vigo al minuto

Taekwondo: a galega Arlet Ortiz, ouro no ‘Open de Luxemburgo’

Noa Romero, en júnior, e Víctor Videla, en cadete, tamén lograron a victoria

Taekwondo: a galega Arlet Ortiz, ouro no 'Open de Luxemburgo'

Arlet Ortiz (-57, Mat´s) logrou esta pasada fin de semana a medalla de ouro no Open de Luxemburgo (G-2) tras vencer catro combates, nunha actuación excepcional.

Ademais, Noa Romero (-46, Natural Sport) acadou o ouro na categoría júnior e Víctor Videla (-37, Natural) foi ouro e Tomasa Franco (-47, Natural), prata en cadete.

Camiño da medalla

A galega Arlet Ortiz mediuse na primeira rolda á taekwondista madrileña Lydia García, que ía coa selección española, e Arlet venceu nos dous primeiros asaltos para facerse co triunfo (2-0). Nos cuartos de final enfrontouse á marroquí Oumaima El Bouchti, cabeza de serie número 1, no que foi o combate máis axustado. Arlet venceu no primeiro, pero a marroquí logrou impoñerse no segundo e todo tivo que decidirse no terceiro, que caeu a favor da deportista do Mat´s, adestrada por Jesús Benito no CGTD.

En semifinais, Ortiz venceu en dous asaltos a canadense Viviane Traquille e así logrou o pase á final, onde esperaba outra española, Elsa Hernández. Novamente, Arlet estivo moi tranquila e segura. En dous asaltos pechou o triunfo para acadar a primeira posición no Open de Luxemburgo.

Sénior

Na categoría sénior, tamén competiron Irene Montemuíño (-62, Natural Sport) e Pablo Patiño (-68, Patiño). Irene tivo unha boa actuación a pesar de que lle tocou un sorteo complicadísimo. En primeira rolda enfrontouse á china Chia-Ling Lo, bronce olímpico en Tokyo 2020 en -57kg, e a nosa deportista logrou impoñerse facendo un magnífico traballo (2-1).

Nos cuartos de final, outro rival impoñente: Jone Magdaleno, actual campioa de Europa. Irene non se achicou e, aínda que comezou perdendo no primeiro asalto, tiña gañas de seguir adiante, pero tivo que retirarse por unha lesión na man.

E rematamos na categoría sénior con Pablo Patiño, que viaxaba coa selección española. O galego non tivo un bo día. Caeu en primeira rolda ante un taekwondista belga, a pesar de que se puxo por diante no primeiro asalto. Pero despois perdeu os dous seguintes e non puido avanzar no torneo.

Júnior e cadete

Nas categorías inferiores, máis alegrías para o taekwondo galego e de forma moi especial para o Natural Sport de Riveira, que levaba a varios deportistas. En júnior, Noa Romero (-46), logrou a medalla de ouro tras vencer en semifinais a Holanda en dous asaltos e na final superou a Alemaña (tamén 2-0).

E dúas medallas máis en cadete. Víctor Videla (-37, Natural) acadou a primeira posición despois de tres eliminatorias. En cuartos superou a un deportista de Alemaña con claridade (2-0); na semifinal non se presentou o rival e na final volveu a gañar a un taekwondista alemán sen chegar ao terceiro asalto (2-0).

E por último, sinalar que Tomasa Franco (-47, Natural) foi prata tras vencer na semifinal a unha taekwondista española (2-0), pero caeu derrotada na final ante a representante de Alemaña tamén por 2-0.

También te puede interesar