Galicia Vigo al minuto

‘Comanchita’, a tartaruga rescatada en abril en Ons, regresa ao mar

Liberárona a 10 millas do lugar onde apareceu

‘Comanchita', a tartaruga rescatada en abril en Ons, regresa ao mar

A tartaruga mariña rescatada o 30 de abril nas inmediacións da Illa de Ons foi devolta ao mar despois de finalizar o proceso de recuperación nas instalacións da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma).

O exemplar, pertencente á especie caretta caretta, embarcou a pasada fin de semana no Chasula, a unhas 10 millas da localización onde foi atopada, para facilitarlle o regreso ao seu hábitat natural.

‘Comanchita’

‘Comanchita’, bautizada así polo pesqueiro que a recolleu, trátase dunha tartaruga mariña común de 33 centímetros de lonxitude e dous quilogramos de peso. Foi achada pola embarcación cando aboiaba en Portonovo crendo que estaba sen vida pero, despois de ser trasladada á UCI da Cemma en Nigrán e manterse baixo observación ata finais de
maio, determinouse que gozaba dun bo estado de saúde xeral.

Por esta razón, hai uns días outorgóuselle unha alta clínica que a considera plenamente apta para sobrevivir na natureza.

Defecou restos de plástico

O exemplar defecou restos de plástico as primeiras semanas, logo do seu rescate. Non obstante, o seu sistema dixestivo evolucionou favorablemente ata acadar o bo estado xeral que posúe actualmente e que permite a súa devolución ao mar.

Máis de 120 cetáceos nas praias de Galicia

‘Comanchita’ forma parte dos máis de 120 exemplares detectados vivos nas nosas praias ao longo dos últimos 20 anos. Delas, 10 pertencen á especie dermochelys coriacea–coñecidas como ‘de coiro’-, de ata dous metros de lonxitude e 400 quilogramos de peso.

O resto son tartarugas mariñas comúns como a liberada esta fin de semana, que adoitan aparecer atrapadas en aparellos de pesca e, despois de recibir tratamento na Cemma, son devoltas ao mar, como sucedeu na maior parte dos casos.

También te puede interesar