RGPD - Cookies
Cultura Destacados

Denuncian o peche dun concerto por Vigosónico por parte da Policía Local

Grupos de Vigo en Loita reclamaban máis presenza de artistas locais na programación do Concello

Denuncian o peche dun concerto por Vigosónico por parte da Policía Local

Os axentes chegaron ás 9 e cancelaron as actuacións ás 11 da noite

O pasado venres, día 3, a plataforma de músicos da cidade Grupos de Vigo en Loita organizou, no club Molotov, un concerto co que reivindicaban máis presencia de artistas viguesas na programación municipal e a mellora das condicións das salas de ensaio de Vigosónico.

Intervén a Policía Local

Porén, sinalan dende este colectivo, «o evento non puido ser realizado na súa totalidade, xa que a Policía Local acudiu para cancelalo, chegando á sala apenas pasadas as 21:00h.». Logo da súa marcha, o concerto continuou ata as 11 da noite, «hora na que os axentes volveron ao lugar e clausuraron definitivamente o concerto, sen que dúas das bandas programadas para o mesmo puidesen tocar».

Sala acondicionda e insonorizada

Dende Grupos de Vigo en Loita expoñen que «o concerto realizouse nunha sala perfectamente acondicionada e insonorizada, que de feito ten actividade constante ata as 4:30 da madrugada como discoteca«.

O argumento dado pola Policía Local foi a carencia por parte da sala dunha licencia específica de concertos, pero dende a plataforma explican que «esta é a situación da gran maioría de salas viguesas, precisamente porque o Concello négase a expedir estas licencias«.

O Concello pode «paralizar discrecionalmente calquera concerto»

Isto permitiríalles, «na práctica, ter un recurso para poder paralizar discrecionalmente calquera concerto, como neste caso o noso». Dende a plataforma engaden tamén que «consideramos que o último problema que debería preocupar á Polícía Local é a realización dun concerto ás 9 da noite nunha sala perfectamente insonorizada».

Ausencia de grupos de Vigo na programación do Concello

O concerto ía contar coa participación de sete bandas viguesas, tanto emerxentes como consolidadas, de diferentes estilos, para visibilizar a calidade e diversidade da música da cidade e a súa ausencia da programación do goberno municipal: West Ride, Einconscientes, La Cloaka Sound, Arson Tides, El Puto Show, Gracias por Nada e Os Vacalouras. Porén, estes dous últimos grupos non puideron desenvolver o seu espectáculo a causa da actuación da policía.

Dende Grupos de Vigo en Loita anuncian que realizarán novas accións para seguir visibilizando a problemática das salas de ensaio e da música da cidade.

También te puede interesar