Cultura Destacados

A segunda ‘Feira Vegana e Sostible de Galicia’ abre a venda de entradas ao público

Terá lugar en Vigo os días 1, 2 e 3 de xullo

A segunda 'Feira Vegana e Sostible de Galicia' abre a venda de entradas ao público

Comeza a conta atrás para a celebración da segunda edición da Feira Vegana e Sostible de Galicia, un evento que na súa primeira edición logrou reunir a 12.000 persoas en dous días ao redor de cento e vinte casetas e food trucks dedicadas á venda e degustación de produtos de alimentación e bebidas, moda, calzado e servizos relacionados co veganismo e a sostibilidade.

Así mesmo, o público asistente puido gozar de todo tipo de charlas e obradoiros sobre educación ambiental, cociña sen ingredientes de orixe animal ou o importante labor exercido polos santuarios de animais.

Máis días

Este ano medrarán tanto os días (tres en lugar de dous), coma o espazo expositivo do IFEVI, as casetas (ata o día de hoxe hai 175 marcas inscritas) e os obradoiros para adultos e pequenos. Tras un día de venda prioritaria para persoas xa prerexistradas no evento a través da web Vegana.gal, as organizadoras poñerán este 1 de maio á venda as entradas dirixidas ao público xeral.

Entradas

A súa adquisición poderá formalizarse a través da plataforma Woutick e haberá diferentes tipos: entradas a 4.5 euros para un só día, abonos a 12 euros para acceder ao recinto libremente os tres días de feira, e entradas gratuítas dirixidas a persoas maiores de 65, menores de 12 anos, persoas en situación de desemprego ou persoas con diversidade funcional.

Programación

Ao igual que na súa primeira edición, a feira incluirá una programación continua consistente en charlas, show cookings, puntos de información nutricional, obradoiros artísticos e pedagóxicos de educación ambiental, representantes de santuarios e asociacións, e todo tipo de persoal experto en promover un estilo de vida máis respectuoso cos animais e o medio ambiente.

Tratarase dun evento inclusivo con zona infantil, sala de lactación e obradoiros especificamente dirixidos aos máis pequenos.

Música

A oferta de ocio tamén se verá ampliada coa presenza diaria de máis músicos en directo; tal é o caso do cantautor valenciano Luis Carrillo, un novo compositor que combina o ton reflexivo coa intensidade roqueira que contou ao longo da súa carreira coas colaboracións de luxo de Adriana Moragues o Mikel Erentxun.

Para todas as marcas e empresas interesadas en alugar unha caseta expositora, as inscricións continúan abertas ata o vindeiro 20 de maio.

También te puede interesar