RGPD - Cookies
Vigo al minuto

Investigadores de Vigo, primeiros do mundo en demostrar a eficacia do carbonato de litio en pacientes con COVID

Aumenta as defensas e reduce o risco de morte

Investigadores de Vigo, primeiros do mundo en demostrar a eficacia do carbonato de litio en pacientes con COVID

Investigadores do Hospital Álvaro Cunqueiro conseguiron publicar un artigo que amosa a eficacia do tratamento con litio en pacientes ingresados con Covid 19 na prestixiosa revista internacional Frontiers of Pharmacology.


Trátase da primeira investigación mundial que constata os beneficios do carbonato de litio nestes pacientes nun ensaio clínico controlado.

Ensaio clínico

O artigo, titulado “Eficacia y seguridad del tratamiento con Litio en pacientes infectados por SARS-CoV-2 (Pacientes con COVID-19 ingresados)”, recolle os resultados acadados no ensaio clínico realizado polo Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, CIBERSAM, dirixido polo doutor Jose Manuel Olivares.

“Estamos moi satisfeitos xa que isto culmina un importante traballo de investigación que vimos desenvolvendo en diferentes fases durante estes dous últimos anos, e nun contexto asistencial moi complicado. Desde o comenzo da emerxencia sanitaria en noso país estivemos a traballar nesta nova terapia con carbonato de litio, fixemos varios estudos cuns resultados moi alentadores, que nos animaron a continuar e realizar este ensaio clínico que nestes momentos xa está sendo valorado pola comunidade científica internacional”, explica o doutor Olivares.

Propiedades do litio

O carbonato de litio é un fármaco de uso exclusivo baixo prescrición médica que se emprega desde hai 70 anos en distintos cadros psiquiátricos, como o trastorno bipolar,depresión resistente, determinados cadros de irritabilidade e axitación, etcétera.

Desde hai tempo coñécese que ten a capacidade de inhibir a replicación de varios tipos de virus, algúns deles similares ao do SARS-CoV-2.

Outras das súas propiedades é a súa capacidade para aumentar a resposta inmunolóxica, incrementando os niveis de linfocitos; así como a  de previr e diminuír a actividade inflamatoria, que é a causante principal dos problemas nos pacientes máis graves, levándoos mesmo á morte.

O litio reduce os días de ingreso e o risco de morte

Para realizar este ensaio clínico foi necesaria a autorización da Agencia Española del Medicamento. No seu desenvolvemento contou coa participación dos servizos de Psiquiatría, Medicina Interna, Microbioloxía, Medicina Intensiva e Urxencias do Hospital Alvaro Cunqueiro.

O estudo consistiu en recrutar 30 pacientes ingresados por Covid19, e de modo aleatorio asignar 15 pacientes para ser tratados coa terapia habitual e outros 15 para ser tratados tamén con litio.

Os resultados indican que o litio foi capaz de reducir o número de días de ingreso, así como o risco de falecemento. Tamén comprobouse que reducíronse os síntomas do COVID-persistente ao mes do inicio do tratamento.

Aumento das defensas

Outro dos autores do artigo, o biólogo e Investigador Senior do Grupo de Investigación, Carlos Spuch, sinala que a nivel de laboratorio confirmouse que o grupo de pacientes tratados con litio presentaron un rápido aumento das defensas linfocitarias, así como  unha redución dos niveis das citoquinas inflamatorias, causantes da actividade inflamatoria, fronte ao grupo de control.

Ademais, outra das conclusións máis subliñables é que non se produciron efectos secundarios relevantes, resultando seguro o emprego do litio en todos os pacientes.

Novo campo na investigación do COVID

O doutor Olivares explica que “con este ensaio acadamos dar un paso mais na procura de novas terapias fronte ao Covid, abrindo un novo campo para ampliar as investigacións e insuflando grandes expectativas no control da enfermidade “

También te puede interesar