RGPD - Cookies
Cultura Vigo al minuto

Cans retoma o proxecto de documental colectivo CANS 303, centrado nas mulleres feirantas

As clases serán os meses de marzo, abril e maio ata a celebración do festival

Cans retoma o proxecto de documental colectivo CANS 303, centrado nas mulleres feirantas

Unha das sección máis participativas do Festival de Cans, o obradoiro de iniciación á gravación, edición e montaxe Cans 303, un proxecto promovido pola organización e conducido polo realizador Juanma Lodo, volve ao formato presencial nesta XIX edición que se celebra do 18 ao 21 de maio, recuperando as datas orixinais do festival.


Mulleres no estraperlo

Das testemuñas sobre os negocios prohibidos do contrabando durante a posguerra, recollidos en Mulleres no estraperlo e estreada na pasada edición, a mirada do documental diríxese este ano cara ás mulleres feirantas de Cans, aquelas que vendían os seus xéneros, tecidos ou rosquillas en festas e mercados ambulantes.

Base da economía familiar

Cans é unha aldea de gran tradición de feirantas, sobre todo nalgúns barrios como o da Carreira ou o Castillo.Nalgunhas casas hai ata tres xeracións de mulleres dedicadas a vender de xeito itinerante, unha tradición que se remonta á segunda metade do século XX e que chega ata os nosos días. 

Hai máis de 20 feirantas documentadas en Cans o que servirá como punto de arranque do documental que afondará neste modo de vida, onde as mulleres son unha das bases da economía familiar, coa intención de poñelas no centro do relato.

Historia de Cans

Como en anos anteriores, o curso pretende rescatar un anaco da memoria da aldea, para así indagar nalgúns momentos da súa historia, recoller os recordos das persoas de maior idade e promover a recuperación dun arquivo multimedia que contribúa a preservar a memoria e o patrimonio documental de Cans.

Con ese obxectivo, a organización fai un chamamento para que calquera persoa do Porriño ou arredores que coñeza a historia dalgunha destas mulleres e poida aportar información ou documentos fotográficos e/ou audiovisuais se poña en contacto co festival.

Juanma Lodo

O artista multidisciplinar Juanma Lodo, que ten filmado coas persoas participantes no obradoiro os bares, a canteira ou a música locais, retomará este ano as clases presenciais que se desenvolverán todos os sábados pola mañá, entre as 10 e as 13,00 horas dos meses de marzo, abril e maio ata a celebración do festival. Quedan aínda prazas para se inscribir a un prezo de 40€, cun desconto do 50% para estudantes de audiovisual, persoas que colaboren na organización do festival e socias da AA.VV. O Castelo de Cans.

Contacto

As persoas interesadas en presentar candidatura ao curso ou enviar información acerca das mulleres feriantas, poden facelo a través do correo electrónico [email protected]por mensaxe privada nas redes sociais do festival ou benchamando ao número de teléfono 679 433 076. O prazo de inscrición finaliza o próximo martes, 22 de marzo, ás 00,00 horas.

También te puede interesar