RGPD - Cookies
Galicia Vigo al minuto

O Ministerio de Facenda confirma a «boa saúde financeira» do Concello de Ponteareas

Paga en 12 días a provedores

O Ministerio de Facenda vén de ratificar a información facilitada por Ponteareas, que exime ao Concello de acollerse ao Plan de Pago a Provedores e que «confirma a boa saúde financeira municipal».


Intervención explicou este mércores pasado aos grupos políticos da oposición o funcionamento deste mecanismo extraordinario de financiamento ao que teñen a obriga de acollerse aquelas administracións locais con facturas pendentes anteriores ao 1 de xullo ou cun período de pago superior a 30 días, prazo máximo establecido pola normativa.

Pago a provedores en 12 días

“A realidade é que o Concello pechou o ano 2021 cunha cifra histórica no período medio de pago a provedores, que no último trimestre se situou en 12 días, o que converte a Ponteareas nun dos municipios que paga con maior rapidez aos seus provedores”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Información facilitada a Facenda

Tras un reconto do período medio de pago no último trimestre do 2020 e nos dous primeiros do ano 2021, o Ministerio de Facenda publicou unha listaxe coas entidades locais que poderían entrar no Plan de Pago a Provedores e
adherirse ao Fondo de Financiamento a Entidades Locais.

No prazo de presentación de documentación, dende Intervención facilitouse ao Ministerio información sobre as únicas tres facturas que figuraban como pendentes antes do 1 de xullo e que xa estaban abonadas.

Neste período presentáronse ademais 4 reclamacións, que foron rexeitadas dende Intervención ao estar xa
pagadas, ser de servizos non prestados ou non constar.

O pago pasou de 3 meses a 12 días

«O Goberno local realizando un importante labor de saneamento económico dende 2015 que permite ver unha evolución positiva clara, cun pago a provedores a 12 días na actualidade fronte aos case tres meses que se
rexistraron no ano 2014″, sinalan dende o Concello.

«Boa administración do diñeiro público»

“Isto é resultado do esforzo de xestión por parte do Concello e tamén do persoal municipal e dunha boa administración do diñeiro público. Un esforzo que seguiremos facendo nos vindeiros anos para continuar favorecendo o bo funcionamento das pequenas e medianas empresas e estimulando a economía local”, salienta o concelleiro de Facenda, Pancho Alonso.

También te puede interesar