Destacados Vigo al minuto

Ifevi estará rematado a finais deste mes

Incluirá os vestiarios das novas pistas de atletismo

Ifevi estará rematado a finais deste mes

A delegada da Xunta en Vigo avanzou que as obras de ampliación do Ifevi estarán rematadas a finais de marzo. Así puido comprobalo hoxe nunha visita ao recinto feiral.

World Padel Tour

Segundo informou, na nave traballan 103 operarios que permitirán que a instalación estea practicamente terminada coincidindo coa celebración este mes do World Padel Tour. A colación, indicou que a competición terá a súa disposición os novos vestiarios deportivos proxectados no pavillón 5.

7 millóns

Marta Fernández-Tapias remarcou que o Goberno galego apoia o Ifevi “con feitos”, cun investimento nesta actuación de 7,3 millóns de euros e, atendendo as obras realizadas con anterioridade, de preto de 30 millóns no cómputo global.

“Seguiremos a traballar no seu impulso -dixo-, mellorando a súa competitividade, en beneficio de Vigo, a través da actividade económica e a xeración de emprego”.

Compatibilidade total coas pistas de atletismo

Ao fío, defendeu que a celebración no recinto do mencionado circuíto profesional de padel demostra a compatibilidade do uso expositivo e deportivo no Ifevi. “Reforza a aposta da Xunta por unha dotación deportiva que potencia a funcionalidade e o atractivo do recinto feiral”, subliñou en clara referencia ás pistas de atletismo que o Executivo autonómico deseñou para o novo pavillón.

Lamenta a oposición do alcalde

Tras anotar que as pistas de atletismo “nin son para o Concello nin para a Xunta, son para os atletas”, Fernández-Tapias lamentou novamente que o alcalde se opoña a unha actuación coa que se está dando resposta ás necesidades sinaladas polos propios clubs deportivos e os atletas de Vigo e de toda a comarca.

En todo caso, volveu a insistir en que a actividade ordinaria do Ifevi en ningún suposto verase afectada por esta actuación, pois a compatibilidade é total. Un proxecto que, engadiu, coñecen perfectamente en Conxemar e sobre o que non manifestaron oposición algunha.

Mellores accesos

Por outra banda, Fernández-Tapias convidou ao Concello de Vigo a ser “máis proactivo” e, en lugar de criticar o que está a facer a Xunta, se preocupe por dotar ao recinto feiral duns accesos acordes á súa potencialidade e capacidade para albergar mostras.

Caballero acusa á delegada de mentir

En referencia a esta visita, o alcalde asegurou que os responsables da Xunta “minten máis que respiran”. Neste sentido apuntou que o Concello paga 65.000€ polo aluguer da nave de Ifevi para a disputa do World Padel Tour.

Abel Caballero insitiu en que a Xunta quere quedarse con dúas naves de Ifevi e autorizar, seica, as actividades e feiras que se leven a acabo. “Haberá que pedir permiso á Xunta”, algo que, apuntou é moi distinto do World Padel Tour, “minten, minten e minten, son uns mentireiros compulsivos”, rematou.

También te puede interesar