Comarcas

A Deputación arranca o #8M

Co lema , “Feminismo é conseguir a axenda da paridade”

A descuberta das pancartas co lema que a Deputación segue este ano no 8M, “Feminismo é conseguir a axenda da paridade”, no Pazo Provincial e na Sede de Vigo vén de dar inicio á intensa programación da institución provincial para todo este mes de marzo.

Axenda da paridade e abolición da prostitución

A presidenta, Carmela Silva, acompañada de deputadas e deputados provinciais, protagonizou o acto desenvolvido desde a balconada e a escalinata do Pazo Provincial e reivindicou a recuperación da axenda da paridade e a abolición da prostitución como “cuestións irrenunciables” nesta data, amais de ter un especial recordo ás mulleres ucraínas, “que deben ter unha atención especial porque son as que máis están a sufrir a invasión”.

Amais, tanto a sede de Pontevedra como a de Vigo tinguiranse esta noite de cor malva para conmemorar o Día Internacional da Muller, “enchendo de igualdade toda a pedra dos dous edificios provinciais”.

“Fortaleza e empoderamento”

A porta central do Pazo Provincial e a fachada da sede viguesa locen xa paneladas tamén coa “potente” imaxe da campaña do 8M, deseñada pola creativa Anabel Domínguez., na que xunto ao lema amósase a mulleres de distintas idades, desde nenas a maiores, desde unha posición “de fortaleza e empoderamento para loitar contra as discriminacións, sometementos e desigualdades que padecemos as mulleres e defendendo a axenda da paridade”.

Infrarrepresentadas

Carmela Silva lembrou que este é o eixo este ano, “porque temos avanzado moito nos últimos cen anos, pero seguimos infrarrrepresentadas en todos os eidos, na cultura, na empresa, na política, na ciencia…”. “E queremos dicir –engadiu a presidenta- que ata aquí chegamos, que nós esiximos ocupar a metade de todo. Iso significa que os homes teñen que renunciar aos seus privilexios para que nós poidamos ocupar o 50% de todas as actividades humanas. Quixemos que esta reivindicación estivera no centro do Pazo Provincial, ben visible para amosar cales son as nosas demandas”.

Os actos centrais no 8M

As sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo volverán ser escenario este martes dos actos centrais do 8M, protagonizados polas creadoras Sue Moreno e Mariana Sellanes respectivamente.

En Pontevedra, ás 11 horas, a artista e trapecista Sue Moreno representará a acción “4.0”, na que combina acrobacias aéreas, teatro, danza e canción en directo, sen esquecer o humor, para abordar temas como a corresponsabilidade e a
desigualdade.

Pola tarde, ás 17.00 horas, as paredes da Sala Rosalía de Castro da sede en Vigo amosarán a instalación artística titulada “Las Locas. A nosa historia emocional acubíllanos” que é froito dunha acción participativa na que mulleres de
colectivos de Vigo crearon conxuntamente unha enorme manta “cobija” tipo patchwork.

O acto contará coa actuación musical do dúo As Lembranzas, e no mesmo proxectarase un vídeo sobre o proceso de creación desta manta.

Abolición da prostitución

Doutra banda, as mulleres do gabinete do Goberno provincial pararán mañá e a Deputación apoiará as manifestacións que se celebren reivindicando a abolición da prostitución, así como dos ventres de alugueiro.

Neste eido, Carmela Silva, anunciou que a institución estará presente para esixir “ben alto” unha lei “para abolir a prostitución con toda a claridade”. “Non podemos esperar máis –afirmou-. O mundo local non ten capacidade lexislativa, pero temos que ser unha voz que reclame porque temos unha posición clara.

A Deputación de Pontevedra e o Goberno da Deputación de Pontevedra ten moi claro que somos abolicionistas e esiximos aos poderes que teñen capacidade para lexislar que se aprobe esa lei. É importante ter unha posición, é moi importante, dixo. Espero que máis pronto que tarde que nesta lexislatura se aprobe esa lei como se ten comprometido”.

Mención especial ás mulleres de Ucraína

A presidenta tamén tivo un especial recordo para as mulleres ucraínas, para as que reclamou “unha atención especial con todos os recursos necesarios” por parte das autoridades europeas, “porque son as que máis están a sufrir a invasión”.

“Vémolas todos os días –lamentou- como foxen coas súas fillas e fillos, con persoas maiores, abandonando a súa vida, o seu fogar e levando de novo a carga da vida sobre as súas costas. Iso acontece coas guerras”, dixo a presidenta.

“Cando hai guerras quen máis as padece somos nós, as mulleres. Despois da Segunda Guerra Mundial ou na guerra de Iugoslavia as mulleres foron violadas, violentadas e foron usadas como elementos para danar o adversario, lembrou Carmela Silva.

“Creo que sería intolerable non falar hoxe das mulleres de Ucraína, que deben ter unha posición central na toma de decisións”.

Te podría interesar