Deportes

O taekwondista galego Pablo Patiño, ‘bronce’ na ‘President’s Cup’, en Albania

Tamén destacaron Desirée Rivadulla e Tania Castiñeira

O taekwondista galego Pablo Patiño, 'bronce' na 'President's Cup', en Albania

Pablo Patiño (-68) acadou a medalla de bronce na President´s Cup de taekwondo, que se está a celebrar estes días en Durrës (Albania).

Duro camiño

En primeira rolda o taekwondista galego tivo que remontar un 10-0 en contra fronte a Matija Crep (Croacia) e finalizou con vitoria (18-17). A continuación, Pablo enfrontouse ao cabeza de serie número 4, Nimrod Krivishkiy (Israel) nun combate moi axustado (8-7).

Nos cuartos o rival foi o ruso David Nazaryan, un taekwondista de gran nivel que eliminara en primeira rolda a Manu Parada. Outra vez foi un combate igualadísimo e moi disputado que caeu a favor de Patiño por 4-3. Así garantiu a medalla e enfrontou a semifinal ante Javier Pérez con confianza. Novamente, a igualdade foi máxima e Pablo Patiño perdeu por rexistros ante o seu compañeiro de selección.

Desirée Rivadulla e Tania Castiñeira

Este mesmo día tamén competiron Desirée Rivadulla (Suh Sport) e Tania Castiñeira (Hebe) no peso pesado feminino (+73). Tania caeu nos cuartos de final despois de superar nos oitavos a italiana Laura Giacomini (3-2), unha pelexa na que os puños foron claves. Nos cuartos foi eliminada pola croata Nika Petanjek (3-8), nun combate axustado e ainda que Tania presionou ata o último segundo, non foi suficiente para remontar e gañar.

A pesar de non poder subir ao podio, a noticia positiva para Tania foi que xa ocupa o primeiro posto do ránking nacional por diante de Belén Morán, que caeu na primeira rolda.

Pola súa banda, Desirée superou a primeira rolda contra Anna Krapivka (Rusia) pola mínima e caeu de forma clara na segunda ante a carismática Bianca Walkden (Gran Bretaña).

También te puede interesar