Destacados Vigo al minuto

Nace en Vigo a primeira asociación de usuarios de Vehículos de Mobilidade Persoal

Composta por máis de 200 veciñas e veciños da cidade

Nace en Vigo a primeira asociación de usuarios de Vehículos de Mobilidade Persoal

Un grupo composto por máis de 200 cidadáns e cidadás de Vigo acaban de constituírse en entidade asociativa para defender os dereitos das persoas usuarias de Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP).

O seu obxectivo é o de “transmitir propostas e medidas ás autoridades e administracións con competencias en temas de tráfico” e xerar actividades culturais e lúdicas que permitan “dar a coñecer esta nova forma de mobilidade urbana sostible, limpa e conectada co resto da sociedade”.

Fins fundacionais

Entre os fins desta asociación, os seus representantes destacan: promover as boas prácticas e o uso responsable de VMP na nosa cidade, con especial atención á mocidade; axudar, informar e asesorar sobre a normativa e os seus dereitos ás persoas que decidan usar este medio de transporte.

Tamén promoven a formación, seguridade, a prevención e o respecto polas persoas, o fomento da cultura e dun modelo máis sostible e menos contaminante de mobilidade en todo o concello.

Pretenden ser un foro de encontro e reunir a persoas cos mesmos intereses e inquedanzas respecto aos VMP e tecnoloxías afíns. Tamén prevén servir como plataforma de intercambio de ideas, e experiencias e ser o punto de encontro das persoas, institucións, empresas, entidades e organizacións en torno á mobilidade persoal.

Por último, ofrécense a colaborar coa administración, organismos públicos e con outros axentes sociais na redacción e actualización de normativas de mobilidade e urbanismo, así como noutros ámbitos relacionados.

Vigo VMP

O nacemento desta asociación, que se viña xestando dende mediados de 2021, provén da necesidade de achegar o punto de vista das persoas usuarias dos VMP na ordenanza municipal reguladora dos vehículos de mobilidade persoal, actualmente en período de alegacións.

Reunión coa concelleira Elena Espinosa

Entre as primeiras actividades que desenvolverá a asociación figuran unha inminente reunión coa concelleira de Tráfico e Seguridade, Elena Espinosa, para presentarlle as alegacións da asociación para mellorar a ordenanza na cidade, así como establecer unha serie de actividades socioculturais relacionadas coa micromobilidade.

Manifestación domingo 27 febreiro

Así mesmo, a Asociación Vigo VMP organizará, xunto con entidades doutras 20 cidades españolas, unha das 14 manifestacións que se desenvolverán por todo o territorio nacional o vindeiro día 27 de febreiro en contra da publicación no BOE do Manual de Características Técnicas dos VMP, o cal incapacitará o uso de centos de miles de vehículos legais nun período de tempo moi curto.

A manifestación percorrerá varias rúas de Vigo, con saída ás 11 horas dende praza do Rei e chegada ao mesmo lugar para a lectura do manifesto ás 12.30 horas.

También te puede interesar