Galicia Vigo al minuto

Licitadas as obras de humanización da Avenida Santa Mariña en Redondela

Conta cun investimento de 450 686,84€

Licitadas as obras de humanización da Avenida Santa Mariña en Redondela

O Concello de Redondela vén de licitar as obras de humanización da Avenida Santa Mariña, traballos para os que destina un investimento de 450 686,84€ con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación.

Os mesmos “permitirán a transformación deste espazo urbano xa que, a maiores da humanización da zona, procederase á mellora da rede de subministro e saneamento”.

Proxecto do Goberno local

Esta actuación, ao igual que a xa adxudicada da mellora da contorna do Pazo Torres de Agrelo de Cesantes, forma parte dun proxecto integral do Goberno local, a través da Concellería de Vías e Obras “que busca, fundamentalmente, a mellora da calidade de vida da veciñanza ao poder gozar dunha contorna máis amable, máis ‘vivible’ e cuns servizos adaptados ás necesidades dun municipio do século XXI”, asegura Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.

Alumeado, canalizacións e sinalización

As obras abranguerán, polo tanto, traballos de instalación de sistemas de alumeado e sinalización, mobiliario urbano, canalizacións para saneamento e abastecemento, tubaxes para liñas de comunicación e condución elétrica, mellora de beirarrúas e pavimentación.

Pavimentación do firme

O firme de todo o trazado obxecto das obras, nunha extensión de 680 metros cadrados, será pavimentado con aglomerado asfaltico de 6 cm de espesor. En ámbalas dúas beiras da rúa, instalaranse canalizacións para a recollida de pluviais que contarán con sumidoiros no lado sur.

Do mesmo xeito, nos dous lados da rúa obxecto das obras realizarase a instalación integral da rede de abastecemento de auga potable.

Mellora de beirarrúas

Os traballos completaranse coa mellora integral das beirarrúas e a instalación de alumeado público que mellore, non só as condicións de luminosidade da zona senón que permitan unha mellora da eficiencia enerxética en canto ao consumo e emisións de CO2.

Finalmente, dotarase á zona da correspondente sinalización de tráfico, tanto horizontal como vertical e de mobiliario urbano (xardiñeiras, bancos, papeleiras e varandas).

Para Digna Rivas, todos os traballos que se están a facer “permiten, pouco a pouco, a transformación dos espazos, tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, a fin de mellorar a mobilidade, as condicións de vida e dotar aos veciños e veciñas, dos servizos aos que teñen dereito independentemente do lugar onde residan”.

También te puede interesar