Destacados Vigo al minuto

Xaneiro de 2022 foi o mes máis seco da última década en Galicia

Choveu un 64% menos do que é normal

Xaneiro de 2022 foi o mes máis seco da última década en Galicia

O mes de xaneiro en Galicia pechouse como un período máis seco da última década, con máis de vinte xornadas anticiclónicas continuadas.

Esta é unha das principais conclusións que recolle o Informe climatolóxico mensual, elaborado por MeteoGalicia e presentado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola meteoróloga Ana Lage.

Temperatura media de 8,4 graos

Esta situación anticiclónica deixou unha temperatura media -para o conxunto de estacións que compoñen a serie rexional- de 8,4 ºC, é dicir, 0,4 ºC máis respecto da media 1981- 2010, polo que “esta diferenza positiva permite considerar o primeiro mes do ano como cálido, aclarou Vázquez Mejuto, quen indicou que un precedente similar atópase no mes de xaneiro de 2012.

Contrastes térmicos día/noite

A conselleira tamén destacou “os amplos contrates térmicos día/noite”, sobre todo nas zonas interiores de Galicia, como Xinzo de Limia ou Verín, onde se acadaron temperaturas por debaixo dos -10 ºC e nas horas centrais do día acadaron valores próximos aos 15 ºC.

Precipitacións: un 64% por baixo da media

Ángeles Vázquez sinalou que as chuvias no mes de xaneiro estiveron un 64% por debaixo do valor climático normal, tal e como se extrae dos rexistros de precipitación das 16 estacións meteorolóxicas representativas.

Á vista deste descenso, xaneiro considérase moi seco e hai que botar a vista aos primeiros meses de 2017 (-62%) e de 2012 (-68%) para atopar un precedente similar.

Así, a media acumulada de chuvia en Galicia para xaneiro foi de 58 L/m 2 e destaca o contraste entre a zona oeste de Galicia (con valores locais de 130 L/m 2 ) e varias comarcas da provincia de Ourense, onde se rexistraron os valores máis baixos de precipitación – unha media de 15 L/m 2 -, incluso nalgunha localidade da comarca de Valdeorras non se
chegou aos 5 L/m 2 .

Por último, engadiu que este contraste tamén é manifesto nos días de chuvia rexistrados nas cidades galegas. A modo de exemplo, explicou que en Ourense se contabilizaron tres xornadas de chuvia, cando o valor climático habitual son 11, fronte ás 8 de Pontevedra, sendo 15 a media climática.

También te puede interesar