Cultura Vigo al minuto

Grupos de ‘Vigo en Loita’ reunirase co Concello para esixir a reapertura de Vigosónico

Denuncia a falta de interés do Concello en manter espazos de lecer e cultura

Grupos de 'Vigo' en Loita reunirase co Concello para esixir a reapertura de Vigosónico

A plataforma de músicas e músicos vigueses Grupos de Vigo en Loita terá unha reunión o vindeiro venres 4 de febreiro con María del Carmen Lago Barreiro, concelleira de Xuventude e responsable do complexo de salas de ensaio municipal Vigosónico, pechado indefinidamente dende o comezo da pandemia.

Ausencia de salas de ensaio públicas

O colectivo constituiuse hai tres semanas para denunciar a ausencia dunhas salas de ensaio públicas e gratuítas en Vigo, e dende entón ten conseguido un gran eco en redes sociais, en medios de comunicación e tamén no pleno municipal. Agora, confían en que a situación avance nesta xuntanza co Concello.

Os argumentos do Goberno local son “escusas”

Dende Grupos de Vigo en Loita consideran que, do mesmo xeito en que coa desescalada do confinamento de 2020 foron reabrindo tanto as salas de ensaio privadas como as municipais de moitos concellos galegos, é igualmente posible que reabran as de Vigosónico.

Polo tanto, consideran que os argumentos sanitarios esgrimidos polo Concello son en realidade escusas, e que este peche se enmarcaría nunha “falta de interese xeral en manter estes espazos de ocio e cultura, especialmente os orientados á mocidade”.

Dende a plataforma poñen como exemplo o peche de iniciativas similares previas, como as das salas de ensaio do Castro e as da Casa da Xuventude, que xa de por si estaban situadas máis centricamente que Vigosónico, ubicado na parroquia de Valadares.

So o PSOE votou en contra de abrir Vigosónico

Neste senso, todos os partidos representados no Pleno do Concello de Vigo, agás o PSOE, votaron a favor dunha moción da Marea de Vigo para reabrir Vigosónico. Ao tempo que votaba en contra, o partido do goberno afirmou que tiña plans para a reapertura, máis sen dar máis información nin ningunha data concreta.

Grupos de Vigo en Loita considera isto insuficiente, e esixirá na vindeira reunión que o Concello poña prazos razoablemente rápidos a este compromiso «para que non quede en palabras baleiras», criticando que non amosase esa vontade de actuar votando a favor dunha moción «que contou co respaldo unánime dos diferentes partidos da oposición».

Lamentan ter que sair á rúa

As músicas e músicos organizados na plataforma lamentan tamén que «tivesemos que facer ruído e saír nos medios para poder reunirnos co Concello», logo de case dous anos de peche de Vigosónico onde a vontade de contactar e a información aos grupos foi «nula», por non contar «os anos anteriores de desleixo cara a música local».

Porén, afirman ir «coa máxima vontade de acordo» á reunión, á par que «con firmeza no noso obxectivo de lograr a reapertura inmediata de Vigosónico».

Hai uns meses, as bandas de Ferrol seguiran un camiño similar coa creación da plataforma Reapertura Xa Locais de Ensaio Ferrol, que segue a desenvolver a súa actividade para esixir a reapertura dos locais do mercado da Magdalena.

También te puede interesar