Galicia Vigo al minuto

O BNG advirte da suba dos alugueiros en Vigo e pide un Plan Municipal de Vivenda

Lembra que Abel Cabalelro prometeu 7.000 vivendas protexidas e non fixo nin unha

O BNG advirte da suba dos alugueiros en Vigo e pide un Plan Municipal de Vivenda

O Bloque Nacionalista Galego reclama que o Concello de Vigo tome medidas para facilitar o acceso á vivenda ante o aumento de prezos “inasumíbel” dos alugueiros e das vendas.

“Inacción da Xunta e do Goberno local”

Dende o Bloque denúnciase a falla de oferta de vivendas protexidas, “pola inacción da Xunta e do Goberno local”. Por iso, demanda a posta en marcha dun Plan municipal de Vivenda que permita enfrontar o problema de acceso social que padecen os vigueses, en especial os máis desfavorecidos e a mocidade.

A cidade galega máis cara

“Vigo está hoxe infelizmente á cabeza de todas as cidades galegas no custo dos alugueiros” -cun prezo de máis de 9 euros o metro cadrado, que fai que un piso de 70 metros cadrados teña un custo mensual medio de case 640 euros.

Tamén e a máis cara para comprar, “cun custo medio de 2.100 euros o metro cadrado”, denunciou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Un 6% de subida no primeiro trimestre de 2022

Nese sentido, o portavoz municipal do BNG alertou de que o aumento dos prezos de aluguer continuará neste primeiro trimestre de 2022 cunha previsión do 6%, segundo datos do propio sector inmobiliario.

Este incremento súmase á suba dun 30% rexistrada na cidade dende 2017, dificultando o acceso a este dereito básico e obrigando a moitas veciñas e veciños a buscar alternativas nos municipios da contorna.

“Non podemos seguir sendo unha cidade que expulsa cada ano a centos de vigueses e viguesas a outros concellos da nosa área porque non se poden permitir o luxo de vivir no seu propio municipio”, criticou Igrexas.

Así o amosan as últimas cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE) evidencian a perda de poboación de Vigo, con case 3 mil residentes menos o ano pasado, mentres crece na maioría de localidades próximas.

En 2007 Abel Caballero prometeu 7.000 vivendas protexidas

O BNG advertiu que “non abonda con anunciar 14 mil vivendas protexidas no novo PXOM de Vigo”, senón que deben poñerse medidas para materializalas. “Cómpre recordar que, en 2007, Abel Caballero prometeu poñer en marcha 7 mil vivendas protexidas en Vigo. Porén, en todo o tempo que leva gobernando non fixo ningunha, subliñou Igrexas, que censurou tamén a inacción reiterada da Xunta.

5.000 familias demandantes

“Malia termos 5 mil familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida, o Goberno galego limítase apenas a asignar unhas poucas vivendas cada ano a través do Consorcio do Casco Vello. Entendemos que é máis imperativo que nunca que o Concello de Vigo deixe de ollar para outra parte”, solicitou Igrexas.

O alcalde ‘anuncia’ un convenio para dispoñer de 3 vivendas

O concelleiro do BNG salientou como unha mostra desta falla de políticas de vivenda o recente anuncio do alcalde de Vigo, “amplificado con grande propaganda”, dun convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo para “dispoñer de só tres vivendas” no ámbito de Cambeses.

También te puede interesar