Comarcas

Redondela abre a inscrición para o servizo de préstamo de dúas biotrituradoras

Entrando na web do Concello www.redondela.gal

Redondela abre a inscrición para o servizo de préstamo de dúas biotrituradoras

Dende o pasado 3 de xaneiro, veciñas e veciños de Redondela poden inscribirse no servizo de préstamo de biotrituradoras, unha iniciativa da Concellería de Medio Ambiente que reafirma a aposta do Goberno redondelán pola compostaxe e a protección do medio ambiente.

Estruturante para composteiros

A través deste servizo, a veciñanza poderá dispoñer dunha biotrituradora en réxime de préstamo, para desmenuzar polas de ata 4 centímetros de diámetro e, dese xeito, xerar estruturante para aportar aos composteiros, un material do que é deficitario o municipio redondelán.

Como solicitalo?

Para darse de alta no servizo, as interesadas e interesados deberán utilizar o formulario que se pode descargar da páxina web do Concello –www.redondela.gal– no apartado de Medio Ambiente. Unha vez cuberta, a solicitude deberá presentarse nos rexistros autorizados do Concello, en Redondela e Chapela, ou a través do rexistro electrónico.

Non hai que participar no programa de compostaxe

A alcaldesa, Digna Rivas, subliña a importancia da compostaxe “á hora de contribuír á mellora da calidade medioambiental e a redución de custes no tratamento dos residuos sólidos urbanos“. Ademáis, lembra que as veciñas e veciños que desexen utilizar este servizo de préstamo de biotrituradoras, “non teñen que ser participantes nos programas de compostaxe doméstica”.

Biotrituradoras eléctricas

Os aparellos obxecto do préxtamo –cunhas dimensións de 60x100x100 (anchura, longo e altura)– contan cun motor eléctrico e unha potencia mínima de 3 HP e están dotadas con coitelas desfribriladoras e contracoitelas que permiten a corta de produtos leñosos e fibrosos. A maiores, están dotadas de martelos móbiles para a trituración final para follas e ramas (cun diámetro máximo de 5 mm) e setos. A produción aproximada é de 1 metro cúbico/hora.

También te puede interesar