Galicia

Ábrese o prazo para solicitar o permiso de pesca da lamprea no río Tea

Dende este venres, 7 de xaneiro

Ábrese o prazo para solicitar permiso de pesca da lamprea no río Tea

A Xunta abre a partir deste venres, día 7 e xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea.

Do 7 de febreiro ao 22 de maio

Así se recolle na Orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) co fin de regular e autorizar a pesca desta especie nesta zona así como fixar o período e as condicións para poder participar na tempada de 2022.

O período hábil estenderase do 7 de febreiro ao 22 de maio e realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 08,00 horas dos domingos ata as 21,00 horas dos luns; polo tanto, permítese a pesca desde as 21,00 horas do día autorizado ata
as 08,00 horas do día seguinte.

Pesca dende ‘estacadas’

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

Así, as lampreas péscanse desde pontóns de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha poden pescar catro persoas, que accederán a estes postos para a colocación de estacadas mediante un sorteo público previo, que nesta ocasión terá lugar o próximo 4 de febreiro no refuxio da Freixa (Ponteareas), ás 11 horas.

Presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir do venres, 7 de xaneiro. De acordo co número obtido, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de cuarta categoría para toda a
tempada, logo de pagar o prezo público que corresponda e de presentar a licenza de pesca correspondente.

Libro de capturas

Como vén sendo habitual, entregaráselle a cada pescador, xunto cos permisos, un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá manter debidamente cuberto e sempre á disposición das autoridades competentes.

También te puede interesar