Galicia

Recuperados 1.400 quilos de redes de pesca abandonadas para o seu uso en campos deportivos

Por medio do proxecto ‘Redes Vivas’, impulsado por Abanca

Redes Vivas

O proxecto ‘Redes Vivas’, posto en marcha por Abanca, permitiu recuperar este ano 1.400 quilos de redes de pesca abandonadas en espazos costeiros e darlles unha nova vida dentro dos campos deportivos.

1.500 m2 de novas redes

Redeiras artesás de Corme e Malpica foron as encargadas de reciclar as redes en desuso e transformalas en 1.500 m2 de novas redes que permitirán renovar 78 porterías de 39 clubs patrocinados polo banco no marco do seu proxecto Abanca Deporte Base. Ata o momento entregáronse 40 redes a 20 clubs e o resto das entregas realizaranse en 2022. Máis de 5.000 deportistas das catro provincias galegas beneficiaranse das novas redes instaladas nas súas canchas e campos deportivos.

‘Redes Vivas’ barca todo o proceso de recuperación das artes de pesca, comezando pola retirada das redes dos espazos portuarios nas que se atopan abandonadas. A continuación, trasládanse aos talleres das redeiras, que recibiron formación específica para tratalas e darlles unha nova vida como redes de uso deportivo. Unha vez recicladas, o banco tamén se encarga do transporte ata as instalacións deportivas dos clubs.

Seis disciplinas deportivas

As redes recuperadas poden utilizarse en seis disciplinas deportivas: fútbol, balonmán, fútbol sala, hóckey patíns, kaiak polo e hóckey herba.

A iniciativa ten un impacto positivo na sostibilidade, xa que contribúe ao coidado do medio ambiente e fomenta a economía circular; promoción da economía local e os sectores produtivos, achegando innovación e visibilidade a un oficio tradicional e artesán realizado maioritariamente por mulleres, e apoio ao deporte, dotando de material aos clubs galegos.

También te puede interesar