Ciencia y Tecnología Cultura

‘Othello’, en Vigo

O vindeiro día 22, no Auditorio Mar de Vigo

'Othello', en Vigo

Fotografía: Estrella Melero/A compañía de teatro de vangarda Voadora regresa aos escenarios galegos por partida tripe este outono co seu celebrado Othello.

A peza, dirixida por Marta Pazos, poderá verse no Auditorio Mar de Vigo o venres 22 de outubro, ás 20.00h, e o sábado 23, ás 20.30h, no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT). Ademais, xa no mes de decembro, o venres 10, aterrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Unha versión transgresora da obra de Shakespeare

Othello é a terceiro montaxe de Shakespeare que aborda Voadora, nunha visión transgresora, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluta en Madrid o pasado mes de maio.

A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica terán especial protagonismo na escena. 

O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Nacional São João de Porto, pretende por o foco nas personaxes femininas da traxedia.

A actriz María Vázquez introducirase na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Ángel Burgos, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Joaquín Abella. 

Tal e como indica Marta Pazos, “desde a súa estrea, Othello contou con múltiples interpretacións, dando pé a numerosas percepcións culturais, tanto de raza como de xénero. Desde Voadora queriamos facer unha adaptación que nos permitise pasar tempo no universo das mulleres e abrir un espazo para elas”.

A partir do texto de Epelde, a compañía propón un debate arredor de cuestións como a construción do xénero e da identidade, a percepción individual ou a conformación e estrutura do sistema patriarcal. Para isto, Marta Pazos despoxa as personaxes da súa pel e do seu xénero, coa intención de conectar “coa súa máis pura esencia e o seu máis profundo conflicto”. 

Equipo artístico

Baixo a dirección de Marta Pazos, que tamén é a responsable do espazo escénico, Voadora propón un Othello no que o xénero flúe.

O elenco, conformado por Joaquín Abella, Ángel Burgos, Ana Esmith, Chumo Mata, María Vázquez e Hugo Torres, recrea unha peza na que Iago, o alférez de Othello, move baixo a razón dos seus caprichos as inseguridades do seu superior, para tecer con fíos raciais e de xénero unha arañeira que atrapará as demais personaxes.

O espectáculo, con música orixinal de Hugo Torres, conta con Silvia Delagnau como responsable de vestiario e con María Cabeza de Vaca á fronte da coreografía. 

También te puede interesar