Galicia Vigo al minuto

Volven as mobilizacións en Barreras

A CIG clama pola readmisión do seu delegado no comité do astaleiro e contra a represión sindical

Volven as mobilizacións en Barreras

A Unión Comarcal da CIG de Vigo e a federación de Industria retomaron as mobilizacións para esixir a readmisión de Rafa Pérez, o seu delegado no comité de empresa de Hijos de J. Barreras SA, cunha concentración, este mércores, diante do asteleiro.

Este nova protesta chega despois da celebrada o pasado mes de agosto coincidindo co acto de conciliación no SMAC, que rematou sen acordo porque Barreras non puxo sobre a mesa a readmisión do compañeiro, polo que o xuízo na que a central sindical reclamará a nulidade do despido terá lugar no mes de xaneiro.

“Argumentos falsos”

Para xustificar a súa decisión, a empresa imputáralle dúas faltas por presunto abandono do posto de traballo e por ter supostamente facilitado o acceso ás instalacións para realizar unha ocupación simbólica do estaleiro, o pasado 27 de maio, poñendo en perigo os compañeiros/as por incumprir o protocolo covid.

Cuestións que o propio Pérez afirma que “son absolutamente falsas e que a empresa inventou para despedilo”, nun claro caso de represión sindical, xa que tal e como lembra o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “o despedimento responde ao intento de amedrentar, de querer calarnos a boca ante a crise que atravesa o sector naval na comarca de Vigo e a nosa esixencia ás administracións de que actúen para evitala”.

O representante da CIG en Barreras recibiu a comunicación do despedimento o pasado 2 de xullo por correo electrónico e mediante burofax. Comunicación na que, ademais, a empresa indicaba que
lle restrinxía o seu acceso ás instalacións.

Por iso, dende a central sindical anuncian que esta non será a última mobilización que van convocar “en demanda da súa readmisión, contra a represión sindical en Barreras e para reclamar das administracións que interveñan para frear a crise que azouta o sector naval da ría de Vigo“.

También te puede interesar