Galicia

Tivemos un verán ‘frío’ cunha temperatura media de 18,8 graos

En xuño caeron 96L/m2, un 102% máis do normal

Tivemos un verán 'frío' cunha temperatura media de 18,8 graos

A ciencia confirma o que xa sabiamos: o verán foi malo. A temperatura media rexistrada nos meses de xuño, xullo e agosto foi de 18.8ºC, polo que o período estival galego considérase lixeiramente frío.

Así se recolle no informe climatolóxico de verán deste ano 2021 elaborado por MeteoGalicia, que estima, tecnicamente, xuño, xullo e agosto como época estival.

Unha temperatura 0,29º máis baixa

Nos tres meses, a anomalía na temperatura media foi de -0.29ºC, debido principalmente aos valores rexistrados nos meses xuño e xullo, que non puido compensar o mes de agosto.

Xuño

Tal e como se recolle de xeito detallado no informe, o verán comezou cunha primeira quincena anticiclónica no mes de xuño, seguida por unha segunda co achegamento dalgunhas borrascas e zonas de are frío, que deixaron temperaturas máis baixas do habitual para esta época do ano.

Xullo

No mes de xullo, a presenza de aire frío no Atlántico norte impediu que as altas presións se localizasen ao norte da península Ibérica, deixando temperaturas medias por debaixo do agardado, principalmente en Pontevedra e no sur da Coruña.

Esta situación deixou unha temperatura media de 19.0ºC, cunha anomalía de -0.66ºC, resultando un mes frío.

Agosto

O verán rematou cun mes de agosto con predominancia de situacións anticiclónicas, agás a primeira semana do mes, na que predominaron as borrascas. En calquera caso, as xornadas posteriores foron de sol e calor, pero aínda así non foron suficientes para facer que as temperaturas medias non se afastasen da normalidade.

Precipitacións normais

En canto ás precipitacións no conxunto dos meses de xuño, xullo e agosto, foron un 20% superiores ao período de referencia. O mes máis húmido foi xuño, con cuantiosas chuvias —a media foi de 96 L/m 2 — e unha porcentaxe de precipitación dun 102% superior ao valor climático normal.

No caso do mes de xullo, só se acadaron niveis normais de precipitacións nas provincias de Pontevedra e o sur da Coruña, mentres que en moitas localidades da Comunidade apenas se rexistraron. Así, o segundo mes do verán tivo unha precipitación media de 19 L/m 2 .

También te puede interesar