RGPD - Cookies
Comarcas Vigo al minuto

É o teu momento, ven ás Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra emociona en FITUR

É o teu momento, ven ás Rías Baixas

‘É o teu momento’, a chamada da Deputación de Pontevedra a viaxar ás Rías Baixas – Pontevedra Provincia que emocionou hoxe en FITUR 2021.

A institución provincial sorprendeu cunha atractiva presentación na que estreou o vídeo oficial da campaña, protagonizado pola artista Wöyza. No acto tivo especial protagonismo o sector turístico do destino, que «demostrou unha gran fortaleza e responsabilidade en tempos moi difíciles».

Mirando ao futuro de «maneira moi optimista»

«O  seu comportamento foi exemplar e fainos mirar cara o futuro de maneira moi optimista», subliñou a presidenta Carmela Silva.

É o teu momento

Nun ano con fortes restriccións en FITUR, a Deputación apostou polo audiovisual para compartir co público a beleza das Rías Baixas, a súa cultura, patrimonio, gastronomía e Camiños de Santiago.

A xornalista Noa García encargouse de conducir a presentación, que xunto á estrea de «É o teu momento»  incluíu a proxección doutros tres vídeos inéditos. Unha das pezas é un recoñecemento ao sector no que a presidenta, o xerente do Club Náutico de O Grove, Miguel de la Cierva, e a xerente de Alecrín Turismo de Natureza, Ana Vázquez, reflexionan sobre os atractivos das Rías Baixas e o presente e o futuro de turismo neste destino.

O terceiro dos vídeos resume a campaña «momentos Rías Baixas», na que máis de 2.400 persoas subiron xa ás redes sociais imaxes dos seus recordos especiais na provincia de Pontevedra.

https://twitter.com/depo_es/status/1395319394536919040

Por último, un vídeo coa peza musical «Libre» de Wöyza coa Ría de Vigo como telón de fondo que puxo a guinda musical perfecta ao acto da Deputación.

Un destino para os 365 días do ano

A presidenta salientou que «É o teu momento» é unha campaña «que toca emocións e chega ao corazón». «Fala dun lugar máxico, dun verdadeiro paraíso coidado por un sector do que temos que sentirnos moi orgullosas e orgullosos», continuou, para amosarse convencida de que «o turismo vai crecer de forma exponencial na provincia, porque este é un gran destino».

«Se queren recuperar a felicidade despois dun tempo tan difícil, se queren desfrutar dun lugar que namora e non deixa a ninguén impasible, non poden deixar de regresar. Esperámosvos cos brazos abertos», proclamou.

También te puede interesar