Comarcas

Nigrán duplicará o número de beneficiarios do programa ‘Xantar na casa’

Está destinado a maiores de 60 anos e tamén a dependentes ou en risco de exclusión

Programa Xantar na Casa Nigrán

O Concello de Nigrán ven de solicitar ao Consorcio Galego de Igualdade a modificación do convenio de ‘Xantar na casa’. O obxectivo é poder duplicar o número de usuarios, o que permitirá pasar dos 10 actuais a 20.

“Os novos beneficiarios, como os actuais, son fundamentalmente persoas maiores ás que este apoio lles garante unha alimentación saudable e unha maior independencia”, explica o alcalde, Juan González.

Sete meús para quecer no microondas

Un día á semana (os venres) reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas (inclúen pan, primeiro plato, segundo e postre). Teñen custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €).

Maiores de 60 anos e dependentes

Así, ‘Xantar na Casa’ está destinado a maiores de 60 anos e tamén a dependentes ou en risco de exclusión social. En Nigrán arrancou en xaneiro de 2021 con usuarios das parroquias de Chandebrito, Panxón, Priegue, Parada e Nigrán, sendo 9 deles anciáns dependentes e unha persoa con problemas de mobilidade.

‘Un Nigrán para todos’

“Forma parte do proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á incrementar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable”, resume o alcalde.

Menús equilibrados

Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano. Trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal. Desde ‘Xantar na Casa’ procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .

Ademais, ao comezo do servizo compróbase que as persoas beneficiarias dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares porque no caso de carecer deles póñense a súa disposición en réxime de depósito.

Desde unha perspectiva integral, ‘Xantar na Casa’ pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía.

También te puede interesar