Comarcas

Nigrán destina 2,2 millóns a obras e 400.000€ a paliar os efectos da COVID

O goberno local consigna outros 100.000 € para un segundo plan de rescate municipal á hostalaría e ao sector do taxi

O Concello de Nigrán aprobou no pleno de onte consignar 3,4 millóns do Remanente de Tesourería 2020 a cubrir diferentes obxectivos. Deles destina 2,2 millóns a diversas obras, como o futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas (415.000 €); a cociña escolar municipal do CEIP Humberto Juanes (378.600 €); humanización da rúa Gaivota de Panxón (232.653 €); rehabilitación do muíño de Porto do Molle (259.150 €); o mobiliario da nova Biblioteca (224.000 €): o abastecemento na Tarela e O Carballal (205.000 €); ou o saneamento da rúa Raña (115.000 €).

Efectos da COVID

Asimesmo, o goberno local consignou 493.500 € para paliar os efectos do Covid-19 no municipio. Destes, 100.000 € están dirixidos a probas diagnósticas do persoal, epis, etc; 100.000 € para gastos de persoal, tras obrigar a Xunta a que a Policía Local asuma tarefas de inspección diarias; 73.500 € á desifección dos centros escolares ante a negativa tamén da Xunta a asumir esa responsabilidade; 120.000 € ao primeiro plan de rescate municipal á hostalaría e outros 100.000 € para un segundo plan cuxas bases serán moi similares pero coa salvedade de que a axuda aos taxistas ascenderá dos 70 € aos 400 €.

“Estamos a rematar as bases para este segundo plan no que outorgaremos novamente 1.000 € a cada hostalerio, 750 € aos traballadores do sector sen dereito a prestación e 400 € aos taxistas”, explica o alcalde. González recalca que, a maiores, a Deputación achegará 60.000 € que o Concello distribuirá nuha tercera liña de axudas entre outros sectores tamén duramente afectados pola crise do Covid-19.

En total, o Concello sumará 280.000 € só en axudas directas a empresas e traballadores.

También te puede interesar