Galicia

A Xunta prorrogará a vixencia dos libros de 4º e 6º de Primaria e 1º e 3º de ESO

O aforro medio para as familias será de entre 105 e 280€

Os libros de texto non perden vixencia en Galicia

A Xunta prorrogará a vixencia dos libros de texto de 4º e 6º de Primaria e 1º e 3º da ESO “co fin de evitar un gasto extraordinario nas familias”. Con este obxectivo, a súa renovación será no curso 2022-2023, coincidindo coa entrada en vigor dos currículos da nova lei educativa Lomloe a partir do curso 22-23.

Aforro de entre 105 e 280€ por familia

Dende o Goberno galego aseguran que “tendo en conta que este ano tocaría renovar os manuais dos devanditos niveis, isto suporía un gasto total de máis de 10 millóns para as nais e pais en libros que só servirían para un ou dous anos académicos e non poderían pasar despois nin a outros nenos (irmáns, outros familiares…) nin a un banco de préstamo”.

O aforro por familia será de entre 105€ e 280€ en función do nivel educativo e da renda familiar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade toma esta decisión tras propoñerlla e acordala coas asociacións de nais e pais e coa Xunta Autonómica de Directores, así como cos representantes dos libreiros e editores da Comunidade.

You may also like