Galicia

As obras do mercado do Rosal, a bo ritmo

Os traballos estarán rematados en tres meses

A alcaldesa do Rosal visitou o mercado municipal acompañada dos arquitectos para comprobar a evolución das obras desta primeira fase.

Como informara vigoalminuto,as mesmas arrancaban a semana pasada co obxectivo de recuperar un edificio emblemático dos anos 50 e converter a praza de abastos nun espazo vivo que dinamice o núcleo urbano.

“Estamos en plena execución da fase 1 destas obras que son exemplo da promoción de actuacións que fagan o  noso comercio máis atractivo e competitivo”, salientou Ánxela Fernández Callís.

Obras no Mercado do Rosal

O Concello xa traballa na segunda fase da reforma

Neste sentido, o novo mercado contará, por exemplo, cun novo posto en formato tenda de conveniencia co que fomentar o produto de proximidade.

Por outra banda, o Concello xa está a traballar na segunda fase da reforma, que fará fincapé nesta aposta polo local e pola calidade seguindo os estándares de Mercado de Excelencia que marca a propia Xunta.

“Abordamos o proxecto de reforma da praza e a execución da obra do mercado non só como cuestións puntuais, senón  como unha reformulación de toda a contorna, como unha nova forma de pensar os espazos públicos e recuperalos para as persoas”, recorda Ánxela Fernández.

Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000€ que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.  

Mentres duren as obras, os praceiros e praceiras seguirán ofrecendo os seus servizos na Escola Simón de Mazo, remodelado e acondicionado polo Concello para adaptalo á nova actividade.

También te puede interesar