Comarcas

A Deputación aproba inversións por 1,2 millóns para sete concellos

Beneficiarán a Campo Lameiro, Dozón, Gondomar, Lalín, Nigrán, Tui e Pazos de Borbén

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe total de 1.225.347€, ao abeiro do Plan Concellos, para Campo Lameiro, Dozón, Gondomar, Lalín, Nigrán, Tui e Pazos de Borbén.

Campo Lameiro

En concreto, a Deputación aproba para Campo Lameiro dúas achegadas valoradas en preto de 250.000€. Trátase de 154.767€ para a adecuación da rede de saneamento en Rozas, Carballeira, Castriño e Liñares; e outros 91.359 para actuacións de mellora do firme nos camiños Laxe, A Facha, Rans, Lombo, Fondo, e Quinteiro 1 e 2.

Dozón, 77.423€

No caso de Dozón, recibirá unha achega de 77.423€ para a execución de firme de aglomerado no camiño dende a estrada PO-533 ao río de Pidre, nun tramo de preto de 1,5 quilómetros e que conforma unha vía principal da parroquia de San Xoán de Sisto.

Gondomar, 114.997€

Pola súa banda, Gondomar contará cun investimento de 114.997 euros para a mellora e urbanización da rúa Manuel Alonso, o proxecto contempla a peatonalización do tramo inferior desta rúa, mellorando a súa accesibilidade e funcionalidade. Amais, tamén se proxecta o soterramento das instalacións urbanas existentes, a substitución das canalizacións de saneamento e a incorporación dunha instalación de rego. Así mesmo, dotarase este espazo co mobiliario urbano necesario como iluminación, xardineiras, bancos ou papeleiras.

Lalín, 379.989€

En canto a Lalín,  a Deputación destina 379.989 euros para a urbanización da parcela exterior do Centro Integral de Saúde (CIS). O proxecto comprende dende a rotonda onde se produce a intersección da Avenida de Ourense e a rúa Penela ata os límites da parcela na que se sitúa o CIS. Deste xeito, neste tramo reordenarase a circulación destinada a vehículos e peóns e peoas, substituiranse e executaranse novos pavimentos, introducirase vexetación e executaranse os servizos necesarios. A proposta promove un tráfico peonil proporcionando pasos e accesos seguros.

Tui, 191.436€

Para Tui, o goberno provincial destina 191.436 euros para a mellora e acondicionamento do acceso á praia fluvial Areeiros. En concreto, mellorarase a pavimentación, a seguridade viaria, prepararase a superficie próxima á praia para xerar aparcamento e instalarase unha rede subterránea de baixa tensión e alumeado público.

Nigrán, 142.153€

No caso de Nigrán, a Deputación tamén aproba 142.153 euros, por reinvestimento de baixas, para a merca do equipamento dun camión 4×4. E.

Pazos de Borbén, 73.220€

Por último, Pazos de Borbén contará con 73.220 euros, tamén por reinvestimento de baixas, para a renovación da iluminación pública en Pazos, Pousiño, Torrente e Alén. Deste xeito, actuarase sobre 5 cadros de mando, 188 puntos de luz, redes eléctricas asociadas e postas a terra. O proxecto terá impacto no aforro enerxético e económico e tamén nas melloras medioambientais.

También te puede interesar