RGPD - Cookies
Comarcas

A Deputación cubre en 5 minutos as 50 prazas para ‘Vive o Rio Minho’

Caiac ou unha ruta pola ‘Senda dos Pescadores’ proposta para esta fin de semana

As 50 prazas para as actividades de caiac e sendeirismo para o vindeiro domingo de ‘Vive o Rio Minho’ esgotáronse en menos de cinco minutos.

Así o confirmaron dende o servizo de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra que xestiona a actividade. Segundo destacou o persoal técnico, algunhas das solicitudes que chegaron ás 9.05h para o domingo incluso quedaron fóra, formando parte da lista de agarda por se se produce algunha baixa.

No caso da actividade do sábado, neste caso en Tui e Valença, as prazas apenas tardaron un pouco máis e ás 9.30 horas da mañá xa estaban esgotadas.

Confírmase así o interese xa amosado dende o principio nas propostas para coñecer os concellos galegos e portugueses da ‘raia’ cunha perspectiva ecolóxica e natural. «O éxito está a ser tanto que incluso se apuntan á iniciativa persoas de fóra de Galicia que se desprazan ata o territorio transfronteirizo unicamente para facer a actividade».

Visit Rio Minho

Hai que lembrar que  ‘Vive o Rio Minho’ é un programa desenvolvido dentro do proxecto ‘Visit Rio Minho’, que pretende ofertar unha alternativa ao turismo masificado para coñecer o territorio transfronteirizo do Miño.

Sábado 26 e domingo 27 de setembro

No caso do vindeiro domingo, a proposta céntrase no caiac polo Miño e no sendeirismo. Farase unha ruta camiñando entre a desembocadura do río Tamuxe e o porto de Goián. Será pola ‘Senda dos Pescadores’, e percorrerá 9 quilómetros entre os concellos de Tomiño e O Rosal. A continuación, realizarase o tramo inverso en caiac polo río. Ambas as rutas, que discorren por unha paraxe natural e cultural de moita beleza, estarán guiadas e interpretadas.

Sábado, 26

No caso do sábado 26 o eixo central será o cicloturismo e as visitas culturais. Realizarase unha ruta en bicicleta pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira e un pequeno percorrido cunha visita a Tui e Valença.

Nesta actividade o grupo dividirase en dous: mentres unhas persoas realizan a ruta en bici desde Valença ata Vila Nova de Cerveira, as outras visitan Valença e Tui. A continuación, este segundo grupo desprazarase en autobús ata Vila Nova de Cerveira para facer a ruta en bici ata Valença. O mesmo autobús levará o primeiro grupo a Tui e Valença para a visita guiada.

Medidas anti-Covid

Igual que nas anteriores xornadas, desenvolveranse unha serie de medidas anti-COVID-19, xa que as persoas participantes e guías manterán a distancia de seguridade durante a actividade; o uso de máscara é obrigatorio.

Última actividade o 3 e 4 de outubro

Hai que lembrar que xa só queda unha actividade á que apuntarse dentro do programa ‘Vive o  Rio Minho’, que é a do 3 e 4 de outubro. Será unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica. Ademáis haberá visitas guiadas, unha delas dramatizada no castro de Santa Tegra.

A inscrición realizaranse entre o luns anterior (día 28) ás 9 horas e ata o xoves (1 de outubro) ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade.

También te puede interesar