Vigo al minuto

O BNG advirte de que os vigueses non aforraremos nada co novo recibo da auga

O que propón o Goberno local é un aumento de 7,6 a 28,62€ nas taxas fixas para uso doméstico- 21,02€ máis, un incremento do 276%.

O Bloque Nacionalista Galego este luns en rolda de prensa as 38 emendas que formula á proposta de ordenanzas fiscais municipais para 2021.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, xustificou as emendas defendendo que o que pretenden é “apostar nunha fiscalidade municipal socialmente xusta”.

Un dos asuntos de maior trascendencia é o novo recibo da auga: o BNG demanda a devolución da proposta de modificación do Goberno municipal que consideran unha “burla e unha saída en falso” e reclama a remunicipalización do servizo.

Recibo da auga

En relación á modificación do sistema tarifario da auga, Igrexas lembrou que a demanda do cambio de tarifa é unha histórica reivindicación cidadá.

Aínda que se elimina o consumo mínimo de 30 metros cúbicos bimestrais, na súa aplicación práctica supón unicamente unha modificación do recibo. Deste xeito, o groso do mesmo pasa a ser a ‘cuota fixa’.

O Bloque sinala que o que propón o Goberno local é un aumento de 7,6 a 28,62€ nas taxas fixas para uso doméstico- 21,02€ máis, un incremento do 276%.

No caso dos usuarios non domésticos, esta subida é dun 531% echegando a 47,99€ de cuota fixa.

“Desta maneira a tarificación por consumo real é unha ficción”, acrecentou. Aliás, o BNG discrepa tamén da estrutura de “tramos” de consumo que, sosteñen, non se axustan ao consumo promedio real das familias viguesas.

O interventor municipal indica que non haberá rebaixa no recibo

Igrexas advirte do “escasísimo alcance práctico deste cambio, que pode producir lixeiras rebaixas nalgunhas facturas pero que non suporá un abaratamento efectivo do servizo”.

O propio interventor municipal recolle nun informe que (…) a modificación non suporá a priori un incremento ou minoración, cando menos significativos, no importe recadado pola prestación (…)”.

Caballero quere que sigamos igual

Para o representante do BNG o certo é que “Abel Caballero cambia a estrutura da factura pero para quedar máis menos como estamos. Non é aceptábel“.

Unha modificación que coincide co fin da concesión a Aqualia

O Bloque estima que o problema é que se quere modificar a tarifa no exercicio no que estará vencida –no caso de non mediar prórroga- a actual concesión privada do servizo. Isto limita o alcance do mesmo ás obrigas derivadas do equilibrio económico-financeiro da concesión da que é titular FCC Aqualia Vigo UTE.

“O  máis acaído sería revisar esta ordenanza atendendo os termos no que se vaia prestar este servizo, unha vez finalizado o actual contrato”, defende Igrexas. A este respeito o BNG segue a defender a fórmula da remunicipalización para a xestión pública directa do servizo.

También te puede interesar