RGPD - Cookies
Comarcas

@depo_es inicia ‘Vive o Rio Minho’, eventos nas beiras galega e portuguesa do río

Abrangue rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, observación ornitolóxica e astronómica

Baixo o nome de ‘Vive o Rio Minho’, a Deputación de Pontevedra vai
desenvolver sete actividades ecoturísticas no Río Miño transfronteirizo –nos
concellos galegos e portugueses que lindan coa vía fluvial- entre o 12 de
setembro e o 4 de outubro.

Lecer seguro

O obxectivo é ofrecer unha alternativa turística seguindo “o que a sociedade hoxe demanda a raíz da crise da COVID 19, dando a oportunidade de coñecer o territorio dun xeito tranquilo, seguro, e buscando a natureza» .

As actividades están desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-
financiado con fondos FEDER, a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP
2014-2020’). Xirarán ao redor do río Miño, e realizaranse de forma
cronolóxica avanzando polo territorio seguindo o seu curso, desde a parte
alta ata a súa desembocadura.

Actividade gratuíta

Trátase de propostas gratuítas e están dirixidas a un público amplo e diverso, abranguendo non só os recursos da zona, senón empresas locais que traballan e realizan actividades nela.

Haberá sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.

Desfrute do territorio do río

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou pola súa banda a
“espectacular” e “atractiva” proposta que engloba Vive o Río Minho, “que
conxuga todo tipo de actividades co coñecemento e desfrute do territorio Río Minho”.

Melgaço, As Neves, Salvaterra, Monçao, Tui, Valença e Vila Nova de Cerveira

Segundo explicou o xerente da empresa Xeitura -que desenvolverá a
iniciativa-, Raúl Fernández, as propostas para coñecer o Miño divídense en
diferentes xornadas de fins de semana consecutivos entre o 12 de setembro
e o 4 de outubro.

Para a primeira fin de semana -12, 13 de setembro- haberá dúas actividades: Unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço e, por outra parte, un descenso no río Miño xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.

Na fin de semana do 19 e 20 de setembro terán lugar a terceira e a cuarta
ruta. A terceira consiste nun percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño. Ao día seguinte a proposta é unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.

A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola
ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira
, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.

Finalmente, para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana
completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación
ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra
.

Inscricións dende este venres, día 4

Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As
inscricións para os eventos da primeira fin de semana poden realizarse
dende este venres ata o vindeiro xoves ás 23:00 horas na páxina web da
Deputación
e as prazas cubriranse por orden de chegada.

As incricións para as seguintes actividades realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento).

También te puede interesar