RGPD - Cookies
Comarcas Vigo al día

@depo_es duplica a súa aposta cultural nesta derradeira semana de xullo

En total haberá 12 accións nos concellos de Silleda, Rodeiro, Lalín, Moaña, Soutomaior, Bueu, Vigo e Mondariz

A Deputación de Pontevedra espallará a súa programación cultural esta derradeira semana de xullo por toda a provincia. En total haberá 12 accións nos concellos de Silleda, Rodeiro, Lalín, Moaña, Soutomaior, Bueu, Vigo e Mondariz.

“Musigal”, “Música no ar” e “Re-Acción nos Castelos!”

A maioría das actividades levadas a cabo nestas oito vilas enmarcaranse dentro das programacións de “Musigal”, “Música no ar” e “Re-Acción nos Castelos!”.

Máis polo miúdo, as actuacións comezarán este mesmo martes (19:30h.) no Castelo de Soutomaior, co concerto inaugural de “Música no Ar” a cargo da sección de corda da Orquestra Clásica de Vigo.

Unha hora máis tarde, ás 20.30,Garufa Blue Devils Big Band interpretará o seu repertorio no Mosteiro de Caboeiro, en Silleda, dentro da programación de “Musigal”.

Para o xoves 30 de xullo o Estaleiro de Bueu encherase de “Música no Ar” co concerto do grupo Son Trío, que comezará ás 21.00 horas.

O mesmo día, coa “Re-Acción nos castelos!”, a Deputación de Pontevedra levará ao castelo de Soutomaior dúas actividades. A primeira delas será un obradoiro titulado “Creando no xardín” e dirixido aos pequenos da casa, comezará ás 17.00 horas. Xa ás 19.30 horas dará comezo un concerto titulado “A banda das apertas”, dirixido tamén ao público infantil.

Fin de semana

A fin de semana chega cargada de actividades. O venres 31 “Musigal” levará a De Vacas á Praza da Igrexa de Lalín, a cita será ás 21.00 horas.

Un pouco máis tarde, ás 23.00 horas, dará comezo o concerto de Amantes da Terra na Avenida Gumersindo Areán de Rodeiro.

O mesmo día levarase a cabo de novo un obradoiro infantil no Castelo de Sobroso baixo o título de “Creando no xardín”, esta actividade enmárcase na programación de “Re-Acción nos Castelos!”.

De cara ao sábado 1 de agosto “Musigal” achegará a Sés ao Palco da Música de Moaña ás 22.30 horas.

Exposicións

A Deputación tamén ten programadas varias exposicións que poden
visitarse estes días. “Tecendo a natureza” é unha mostra que pon en valor a tradición da cestería a través das obras do último mestre cesteiro galego nesa modalidade, Enrique Táboas. A exposición pode visitarse ata o 30 de agosto na Praza de Abastos de Mondariz.

Pola súa banda, a sede de Vigo da Deputación acolle a exhibición “8M. A
palabra empoderada das mulleres”
, unha obra colectiva de reivindicación feminista que poderá visitarse ata o 1 de setembro.

Amais, no concello de Lalín o ente provincial expón ata o 6 de setembro a mostra “Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza”, que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no Pazo de Liñares ata o 6 de setembro.

También te puede interesar