Comarcas

O Concello de Salceda aproba varias medidas para beneficiar ao comercio da vila

Fotografía: Laura di Próspero/ O Concello de Salceda está a facer un esforzo por apoiar ao comercio local nesta situación complexa para o sector. Así, as plataformas de comunicación das que dispón o Concello (páxina web e redes sociais) serven de medio para informar á veciñanza sobre os establecementos que permanecen abertos ao público ou aqueles que ofrecen servizo a domicilio. Ámbolos dous listados actualízanse coas solicitudes que achegan dende os propios comercios, conseguindo deste xeito unha guía de enorme utilidade para a veciñanza que a pode consultar dende os seus domicilios.

O Concello, a través da Concellaría de comercio, mantén ademais unha comunicación constante coas dúas asociacións de comerciantes existentes no municipio (ACISA e Tabernanova), nun exemplo de traballo conxunto que proporcione os mellores resultados para a poboación.

Tamén dende o CDL do Torrón se ofrece un servizo de asesoramento a persoas autónomas e PEMES, que se centra fundamentalmente nos temas relativos a tramitación de ERTES, prestacións por desemprego, prestacións extraordinarias, subvencións, etc, todos eles vinculados coa actual situación.

O sector do comercio estase a ver beneficiado tamén polas medidas económicas establecidas dende o Concello, que supoñen a anulación da taxa de terrazas ou a suspensión das taxas da praza de abastos e de mercado ambulante. Ademais o departamento de tesourería traballa xa no estudo para as medidas que poidan afectar ás taxas de recollida de lixo ou servizo de vado daqueles establecementos obrigados a permanecer pechados durante o estado de alarma.

 

También te puede interesar