Galicia Vigo al minuto

@Xunta fai propaganda co coronavirus e anuncia coma extraordinarias partidas xa asignadas aos concellos en outubro

Os alcaldes e alcaldesas que integran a Mancomunidade do Baixomiño -Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda-, mantiveron onte domingo pola tarde, unha videoconferencia co fin de adoptar unha postura común con respecto ás declaracións realizadas pola Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra, relacionadas co Fondo de Cooperación Local, coma se se tratase de fondos extraordinarios para afrontar a crise do Covid-19.

Ditas declaracións parécenlles “completamente falsas e oportunistas; unha falta de respecto institucional aos concellos galegos e un uso partidista do Covid-19″. Aclaran que en toda esta crise sanitaria os concellos sempre foron “leales institucionalmente por iso non entenden como a Xunta de Galicia anuncia como extraodinarios uns ingresos que xa estaban asignados aos concellos, para o seu normal funcionamento, dende o mes de outubro”.

Os rexedores e rexedoras da comarca baixomiñota, coincidiron na necesidade de aclarar á poboación que os fondos de cooperación existen dende os anos ’90 nos orzamentos da Xunta como unha asignación aos concellos que se distribúe seguindo criterios obxectivos como poboación, tamaño, número de núcleos de poboación etc., do mesmo xeito que se achegan outras partidas que proveñen do Estado para facer fronte ao normal funcionamento das entidades locais.

Tanto é así, que a devandita transferencia, figuraba xa nos orzamentos da Xunta dende o pasado mes de outubro, polo que os catro concellos que conforman a Mancomunidade do Baixo Miño non recibiron ningunha cantidade extraordinaria para afrontar a crise orixinada polo Coronavirus, senón o que estaba previsto e viña sendo habitual no normal funcionamento das administracións públicas.

También te puede interesar