Vigo al minuto

@ecoloxistas apunta a unha baixada do 60% na contaminación do aire de Vigo e un 58% no conxunto de Galicia

Segundo un informe elaborado por Ecoloxistas en Acción en Galicia, que recolle os datos oficiais de dióxido de nitróxeno (NO2) recollidos nas estacións urbanas de medición existentes na Coruña (4) e en Vigo (2) durante o mes de marzo de 2020 e dos dez anos anteriores, a contaminación do aire urbano en Galicia caeu un 58% durante a segunda quincena do mes de marzo 

O devandito informe presenta polo tanto unha foto fixa da calidade do aire urbano no último mes, antes e despois da declaración do estado de alarma e as medidas de confinamento.

Entre a súas principais conclusións do mesmo cabe salientar que desde a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo, produciuse unha baixada  drástica dos niveis de contaminación atmosférica por dióxido de nitróxeno (NO2) nas principais cidades españolas. Esta redución cuantificouse nun 60% para Vigo e nun 55% para A Coruña, en comparación cos niveis de contaminación habituais nestas datas, durante a última década.

Os niveis de NO2 rexistrados durante o estado de alarma son os máis baixos para a segunda quincena do mes de marzo da última década en Vigo, na Coruña e no resto das cidades  analisadas. Mantéñense ademais moi por debaixo do valor límite e a guía anual da OMS, cando nas estacións de tráfico o devandito limiar supérase frecuentemente nalgúns días do mes de marzo.

O dióxido de nitróxeno (NO2) é o contaminante típico emitido polos tubos de escape dos automóbiles (ademais de polas caldeiras industriais e domésticas), polo que a súa evolución está directamente vencellada ás emisións do tráfico motorizado, sendo esta a súa principal fonte nas cidades e o principal factor que inflúe na calidade do aire urbano.

O NO2 é un gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e merma a resistencia ás infeccións, polo que a súa drástica redución é unha boa noticia, no contexto de emerxencia sanitaria actual.

A crise da COVID-19 demostra que “a redución estrutural do tráfico motorizado e as mudanzas nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire nas nosas cidades, aínda tendo en conta a excepcionalidade da situación extrema que estamos vivindo”.

A dramática situación creada pola COVID-19 vén confirmar que a redución do tráfico motorizado nas cidades diminúe a contaminación, mellorando así a saúde pública. Unha vez superada a emerxencia sanitaria, esta evidencia debería marcar as futuras políticas de mobilidade urbana. Precisamos, tamén en Galicia, zonas de baixas emisións ambiciosas, recuperando o transporte público e potenciando a bicicleta e o tránsito peonil, como medios de transporte alternativos ao vehículo privado.

También te puede interesar