Galicia Vigo al minuto

6 médicos de familia e 4 profesionais de enfermaría incorpóranse o luns a centros de saúde da Área de Vigo

O próximo luns dia 2 de marzo vanse incorporar as súas prazas nos centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo un total de 10 profesionais sanitarios –6 especialistas en medicina familiar e comunitaria e 4 profesionais de enfermaría-. Segundo sinalan dende o Servizo Galego de Saúde, “trátase das prazas de nova creación na Atención primaria da área viguesa, un total de 20, e que supoñen un importante crecemento do seu cadro de persoal”. 

Destas 20 novas prazas, tres xa foron cubertas no pasado mes de febreiro – un médico e dúas enfermeiras no Punto de Atención Continuada de Cangas-Moaña  -; 10 cúbrense o luns; e as 7 restantes -2 fisioterapeutas, 3 enfermeiras especializadas en obstetricia (matróns) e 2 pediatras-, incorporaranse nas próximas semanas.

Os 6 facultativos que comezan o luns, farano nas súas novas prazas dos centros de saúde de Val Miñor, Baiona e Matamá -os tres están acreditados como centros docentes na formación de médicos de familia- e aos centros de Teis, Pintor Colmeiro e Tomiño.  En canto a enfermería, integraranse dúas enfermeiras xerais nos centros de saúde Teis e Pintor Colmeiro,  e dúas especializadas en Familiar e Comunitaria en A Doblada e Coia.

Mellora ratios poboacionais

Dende o Sergas aseguran que “este incremento de persoal posibilitou realizar unha redistribución das TIS (Tarxetas Sanitarias Individuais) dos médicos de familia e conseguise diminuír nunha media de 200 usuarios cada un dos cupos médicos deses centros de saúde”.

En consecuencia, nestes momentos, os ratios son os seguintes: o centro de saúde de Baiona,1.230 tarxetas sanitarias por médico; Val Miñor,1.300; Matamá, 1.325; Teis, 1.250; Tomiño ,1.262 e Pintor Colmeiro 1.335.

“Todos eles presentan unha media inferior a 1.400 Tarxetas Sanitarias, mellorando de xeito significativo as ratios doutras áreas sanitarias da comunidade galega e do resto de España”.

También te puede interesar