Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

@Xunta permite un novo curso de “Guías á carta” nas Cíes para satisfacer as necesidades das navieiras

A Asociación de Guías Acreditados das Illas Atlánticas (AGAIAS) acaba de solicitar á dirección do Parque Nacional e á dirección de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, información sobre un novo curso “low-cost” de formación de Guías Acreditados do Parque Nacional Marítimo Terrestre das illas Atlánticas de Galicia.
Dende esta asociación denúnciase que “se no pasado ano xa fixeran un curso “expreso” para o persoal das empresas navieiras, de xeito exclusivo e sen publicidade, este ano repiten a mesma fórmula, coa única diferenza de que o anuncian publicamente, sen vergoña, será cousa de que veñen as eleccións”.
Grazas a este curso, capacitarase a persoas de calquera ámbito laboral, sen exixirlles coñecementos previos sobre o medio natural, a educación ambiental ou técnicas de interpretación ambiental – todos estes necesarios nun guía profesional- para guiar nun espazo coa máxima catalogación a nivel nacional no eido dos espazos naturais protexidos, aseguran dende AGAIAS.
Xa hai formación oficial con lista de agarda
Dende hai máis de 10 anos existe un curso oficial impartido desde o Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM). Este curso oficial ten lista de agarda e prazas limitadas. Cada ano fórmanse un número determinado de guías de toda a xeografía galega. Para poder cursalo é requisito imprescindible enviar un curriculum vitae que acredite experiencia e profesionalidade, xunto cunha carta de motivación expresando a vontade de acceder ó curso oficial de guía.
Que requisitos presenta este novo curso “low-cost” da Xunta de Galicia só se esixe ter cursado o Bacharelato. Ademais, a metade das horas de formación son para a realización do traballo que lles outorgará o apto para “educar” e “guiar” no Parque Nacional -e non de horas de docencia-.
Máis de 1.000 guías acreditados
A realidade é que, a día de hoxe, existen máis de 1.000 persoas acreditadas e capacitadas para exercer de guía no parque nacional que se formaron a través dos cursos convocados dende o ano 2006 polo propio Parque Nacional e o Centro Nacional de Educación Ambiental. “Moitas destas persoas levan anos exercendo de Guías no Parque Nacional. Como se explica que existindo máis de 1.000 guías as empresas navieiras se queixen cada tempada de que non hai guías acreditados para contratar?”
Precariedade laboral
A precariedade laboral, sinalan dende a Asociación de Guías Acreditados é a resposta a esa ausencia de guías. “Malas prácticas por parte das empresas navieiras, baixos salarios e temporalidade conseguen queimar en curto prazo ós guías máis experimentados”.
En lugar de axudar a profesionalizar o sector, facer unha revisión e actualización do conxunto de persoas guías acreditadas xa existentes e axudar a mellorar as condicións laborais dos guías, o Parque Nacional facilitará que as empresas navieiras acrediten novamente ó seu persoal de xeito case exclusivo -comerciais, taquilleros, mariñeiros, etc..-así  as empresas poderán decidir como e a quen contratan como guía, xa que contan con numerosa man de obra que a administración lles forma ano tras ano. A xestión do Uso Público do Parque das Illas Atlánticas unha vez máis dirixido e desacreditado polos intereses do sector privado”.
Moitos dos guías profesionais deixaron de traballar no Parque e se atopan en situación de desemprego agardando a que a administración do propio Parque Nacional  tome medidas.
“Porén, volve saír, por segundo ano consecutivo, un curso no que se acredita a persoal directo das empresas navieiras. Algunhas destas empresas, compre lembrar, levan anos estragando o uso público, fomentando un turismo de sol e praia nas illas, mentindo e sendo multadas pola administración”.
Desde AGAIAS insisten en que un Parque Nacional ten esa consideración por ser un área xeográfica única no mundo, que reúne un altísimo valor ecolóxico. E que só profesionalizando ós guías poderase transmitir de xeito adecuado os valores naturais e culturais do mesmo, colaborando así na súa conservación. “Dende a administración din que fomentan un turismo sustentable e de calidade, verbas que tanto se gastan en boca dos políticos, pero non se toman medidas contra a falta de profesionalidade”.
“A masificación do Parque Nacional ou as continuas infraccións das empresas que se enriquecen á súa costa,. para nada axudan á conservación deste emblemático espazo natural a protexer, escaparate natural de Galicia para resto do mundo”.

También te puede interesar