Vigo al minuto

@obloque pide o cese de López Veiga coma presidente do Porto de Vigo

Para o BNG López Veiga “boicoteou e saboteou” calquera opción de futuro para Vulcano

O deputado Luís Bará e o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas denunciaron este xoves,  tras o encontro cos traballadores de Vulcano en Vigo, que o Goberno de Galicia actúa coma “liquidador” do estaleiro.

Os representantes do Bloque sinalaron que esta actitude vai en contra dos compromisos adquiridos polo propio Goberno de Galicia-por medio da Consellería de Industria- e polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), para garantir o seu futuro e o dos empregos.

Rueda e Corina Porro

Luís Bará culpabilizou desta situación ao vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, en tanto que membros do consello de Administración do Porto  de Vigo, por non querer “pararlle os pes” ao seu presidente Enrique López Veiga, principal  responsable de “poñer paos nas rodas para buscar unha solución”.

Neste momento, explicou o nacionalista, existe un proxecto e o BNG considera que debe ser analizado e estudado xa que incide na reparación naval, un sector cun grande  futuro. A Xunta, debe apoiar a proposta do BNG sobre “unha intervención pública” en Vulcano e  non pode seguir “mirando os touros dende a barreira”, debe intervir.

O BNG pide a dimisión de López Veiga 

 O concelleiro do BNG en Vigo volceu denunciar os constantes “atrancos” do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga  para que Vulcano continúe coa actividade e xerando postos de traballo. Para Xabier Pérez Igrexas, López Veiga  “non pode continuar un minuto máis á fronte do Porto”.

Segundo subliñou o concelleiro, o papel de López Veiga con Vulcano foi “boicotear e sabotear calquera opción de futuro” e a Xunta de Galicia non pode “virar as costas” e sen  tomar ningunha decisión para que este estaleiro centenario reinicie a construción naval.

Para Igrexas o acordo de investidura acadado entre o BNG e PSOE co compromiso de garantir o emprego e a actividade debe substanciarse con medidas urxentes”. Neste sentido, avanzou que o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego insistirá na concreción destas medidas.

También te puede interesar