Galicia Sucesos

@Xunta impide que os xornalistas graven a entrega dun escrito dirixido ao presidente Feijóo

Nun acto que a CIG cualifica de “decisión insólita e que se produce por primeira vez na historia da administración autonómica”, responsábeis da Xunta “prohibiron que os medios de comunicación puidesen facer o seu traballo dentro das dependencias de San Caetano”.

Representantes da CIG-Ensino e de todas as demais organizacións sindicais non puideron ser gravados dentro de San Caetano nin facer declaracións aos medios de comunicación nun acto de entrega, este mércores, por rexistro, dun escrito dirixido ao presidente da Xunta de Galiza.  A “CIG-Ensino dirixirá unha queixa formal á Xunta por esta grave decisión de censurar a liberdade de información” nun acto sindical cando a todas horas se producen actos e comparecencias do propio goberno e de todo tipo de asociacións e entidades dentro do mesmo recinto. 

Feijóo, único responsábel e interlocutor para pechar o conflito da recuperación de dereitos do profesorado 

O escrito rexistrado hoxe por todas as organizacións sindicais descarta definitivamente á Conselleira de Educación e á súa equipa logo de se ter negado novamente na última Mesa Sectorial a “dar resposta á demanda absolutamente maioritaria do profesorado galego de recuperar o noso horario lectivo de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente, tal e como quedou claro na alta participación da folga xeral no ensino público do 12 de decembro”. 

A CIG-Ensino e os demais sindicatos identifican a Feijóo, por tanto, como único responsábel da negativa a aplicar o cambio lexislativo estatal que anulou o Real Decreto que unilateralmente impuxo o Goberno de Rajoy, “obrigando a traballar máis horas lectivas e en peores condicións a todo o profesorado e provocando o despido de miles de docentes”.  

No escrito,os sindicatos reclámanlle a Feijóo que interveña neste conflito e asuma a convocatoria dunha mesa de negociación para “rematar cunha imposición que levamos soportando desde hai xa demasiados anos”. Se Feijóo, como máximo responsábel do goberno galego non o fai, “o profesorado galego só poderá concluír que como docentes somos considerados como un elemento secundario, desprezado na política educativa do PP, e a quen só nos cabe seguir pola vía das mobilizacións”.

A “decisión é única e exclusivamente de Feijóo: responder as demandas do profesorado e devolverlle os seus dereitos ou manter un desprezo que o profesorado non está disposto a soportar por máis tempo”.

También te puede interesar