Comarcas

@carmelasilva anuncia a concesión de axudas por preto de 500.000€ a 102 entidades sen fins de lucro da provincia

Carmela Silva, adiantou este venres que a Deputación aprobará o día 29 a concesión das subvencións dirixidas á 102 entidades sen fins de lucro para actuacións no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude na provincia.

En total, estas 102 entidades, radicadas en vinte concellos, recibirán 499.000€ para garantir o traballo que “desenvolven na sociedade” prestando atención a colectivos en situación de especial vulnerabilidade.

Asistencia, integración social e laboral ou benestar

A presidenta da Deputación salientou que as axudas “teñen como obxectivo a realización de proxectos orientados á intervención, asistencia, integración social e laboral, prevención e promoción do benestar de colectivos que estean en especiais circunstancias e que sen dúbida precisan do apoio das administracións para poder ofrecer todos os servizos fundamentais que están a prestar”.

Programas de actuación

Máis polo miúdo, Silva citou que, entre outros, os proxectos subvencionados inclúen programas de respiro familiar, bancos de alimentos, terapias para persoas maiores, obradoiros, actividades de orientación e apoio á mocidade LGTBI, programas de acollida e desenvolvemento persoal da muller, actividades para persoas con enfermidades mentais, cancro, esclerose, autismo ou artrite entre outras doenzas; iniciativas para a prevención do alcoholismo; pedagoxías para nenos e nenas con diferentes dificultades; obradoiros para a prevención da violencia de xénero entre a mocidade; servizos de orientación laboral; vivendas tuteladas ou albergues para transeúntes ou proxectos de intervención socioeducativa. “Son proxectos que cobren as necesidades básicas da sociedade e, en particular, de aqueles colectivos que están nunha situación de especial vulnerabilidade ou que precisan unha atención específica”.

También te puede interesar