O voceiro do BNG do Porriño, Pedro Pereira, será o novo tenente de alcalde deste concello logo de asinar un acordo coa actual alcaldesa (PSOE) para gobernar en coalición.
Deste xeito, aos 4 concelleiros socialistas súmanse os 2 que obtivo o Bloque nas pasadas Eleccións Municipais, ainda que os 6 edís están lonxe da maioría absoluta na Corporación- 9 concelleiros– polo cal terán que chegar a acordos con EU-Son e o concelleiro non adscrito.
O BNG é quen deu a nova da sinatura do pacto polo cal Pedro Pereira, ademaís de 1º tenente de alcalde, será o concelleiro de Urbanismo, Patrimonio Municipal, Ordenación do Territorio, Infraestruturas, Mobilidade e responsábel da xestión municipal sobre as traídas de augas municipais.
A súa compañeria de grupo, Cami Moreira, asumirá as concellerías de Xuventude, Cultura, Festas, Normalización Lingüística e Igualdade.
O pacto chega preto de 5 meses despois das eleccións e logo de que Pereira cualificase a xestión da alcaldesa coma ineficaz, oscurantista ou nula, de que acusará á rexedora de telos enganado incumprindo os compromisos asumidos para poder sacar adiante os orzamentos municipais, de irresponsábel ou de defender interese partidistas e electorais.