Galicia Vigo al minuto

Os veciños de Ons e Bueu apoian a candidatura ‘llas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas’ a Patrimonio da Humanidade

A delegada da Xunta en Vigo volveu a tender a man ao alcalde para que se sume á candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas, a única, engadiu, que está en disposición de obter para o arquipélago a declaración de Patrimonio Mundial.

“As crecentes mostras de apoio á proposta autonómica son máis que evidentes”, dixo Corina Porro, en clara referencia ao respaldo acadado onte cos veciños da illa de Ons e o Concello de Bueu. “O acordo non só recolle unha mellora nas condicións de acceso a esta illa por parte da veciñanza, tamén o apoio unánime a esta candidatura”.

Tras lembrar que a das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é a única candidatura existente e rexistrada na Unesco, Porro lamentou que o Abel Caballero siga poñendo obstáculos para que o conxunto do Parque Nacional (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) acade a declaración de Patrimonio Mundial.

“O alcalde de Vigo volve a quedarse só, por segunda vez, coa súa actitude excluínte e discriminatoria”, afirmou taxante, logo de que o Parlamento tamén avalase a candidatura, sen ningún voto en contra, tampouco do PSOE. “Como mínimo debería reflexionar sobre se lle interesa manter vivo un conflito no que se está a quedar sen ningún apoio”, apuntou.

A delegada celebrou o dereito reivindicado por Ons a ter o máximo recoñecemento da Unesco, un dereito do que Caballero pretendía privarlles, subliñou, “co uso partidista dun conflito que a Xunta foi quen de solucionar desde o diálogo”. “Cumpriría que o Concello de Vigo se sumase a nosa proposta, beneficiando non só a Vigo, senón tamén a Bueu, Ribeira e Vilagarcía e, en xeral, ao conxunto da Galicia atlántica”, aseverou.

También te puede interesar