O Parlamento de Galicia aprobou este mércores a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular, coa abstención do Grupo Socialista, Grupo Común da Esquerda e BNG, a través da que se insta á Xunta a manter a súa defensa ante a UNESCO da candidatura a Patrimonio da Humanidade que abrangue a totalidade do territorio do actual Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, sen excluír aos arquipélagos de Ons e Sálvora nin a illa de Cortegada.
A deputada, e concelleira en Vigo, Teresa Egerique asegurou que “a Xunta e o Concello de Vigo teñen os mesmos obxectivos: que as illas Cíes sexa Patrimonio da Humanidade”, engadindo que “non se pode pensar en cativo neste tema e deixar que o capricho puntual dun político, que practica a política egoísta, bote por terra todo o traballo desta candidatura”.
Neste sentido, Egerique explicou que todos os bens que son Patrimonio Mundial Natural no Estado son parques nacionais no seu conxunto -como Garajonay e El Teide, en Canarias, e Doñana en Andalucía- e salientou que “nunca Vigo, Bueu, Vilagarcía ou Ribeira tiveron unha oportunidade así, excepcional para as Rías Baixas e para toda a provincia de Pontevedra”.