
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo escolleu oficialmente a Xabier P. Igrexas (Vigo, 1984) como candidato á Alcaldía de cara ás eleccións municipais de 2027. A decisión foi adoptada por unanimidade nunha asemblea local celebrada este mércores.
Co este movemento, o BNG convértese na primeira forza política da cidade en confirmar formalmente o cabeza de lista para o próximo ciclo electoral.
A organización nacionalista fixa como obxectivo incrementar a súa representación no Concello e consolidarse como unha forza “decisiva e determinante” na política municipal de Vigo.
A responsábel local do BNG e deputada autonómica, Carmela González, salientou que o proceso interno se desenvolveu como un exercicio de “democracia radical”, no que a militancia participou activamente na toma de decisións.
Segundo explicou, tanto o Consello Local como a militancia apoiaron de forma unánime a candidatura de Igrexas, o que interpreta como unha mostra de cohesión interna no proxecto nacionalista.
«Impulsar un cambio de modelo de cidade”
Pola súa banda, Xabier P. Igrexas agradeceu o apoio recibido e sinalou que as eleccións municipais de 2027 representan unha oportunidade para impulsar “un cambio de modelo de cidade”. Defendeu que o BNG chega ao novo ciclo electoral cunha base consolidada de traballo institucional e presenza no territorio.
O candidato asegurou que a formación leva presentadas máis de 956 iniciativas desde 2023 e reivindicou o papel do grupo municipal na oposición, asegurando que o BNG “ten demostrado que existe alternativa á actual xestión da cidade”.
Crecemento electoral
Igrexas subliñou tamén o crecemento electoral da organización nos últimos comicios, tanto en eleccións xerais como autonómicas, e afirmou que o BNG se atopa nun momento de “expansión do apoio social” na cidade.
De cara ás eleccións, o candidato nacionalista chamou a mobilizar o voto de quen “non se resigna” e criticou tanto a xestión do actual alcalde, Abel Caballero, como as propostas do Partido Popular, ao que acusou de non ofrecer alternativas reais para a cidade.
A presentación pública oficial da candidatura realizarase o vindeiro luns, día 11, nun acto en Vigo, no que tamén participará a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Outras novas
- El juez abre juicio contra la concejala de Seguridad de Vigo por el accidente mortal del “Saltamontes”
- El PP arrebata la Alcaldía de Lugo al PSOE con el voto de una tránsfuga socialista
- ¿Cómo garantizar la seguridad de datos en la investigación científica escolar?
- Castrelos ficha a Abraham Mateo para sus conciertos de verano
- O BNG dá o primeiro paso en Vigo e escolle a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía en 2027





