Comarcas Vigo al minuto

@carmelasilva cualifica á provincia coma “puntal turístico de Galicia” logo da ocupación do 83% en agosto

Cun 83% de ocupación media, a provincia de Pontevedra sitúase “novamente como o puntal turístico de Galicia”, segundo declarou este venres a presidenta da Deputación.

“A ocupación foi moi positiva a pesar de que agosto deste ano foi, segundo os informes de Meteogalicia, o segundo mes coa temperatura máis baixa da década e con precipitacións que o sitúan como o máis húmido do último lustro”, asegurou  Carmela Silva en rolda de prensa.

87% de ocupación en Vigo

Máis polo miúdo, por comarcas, O Salnés acadou o 88% (chegando ao 90% en vilas como Sanxenxo e ao 86% no Grove), Pontevedra o 86% (sendo do 75% na cidade de Pontevedra), O Morrazo o 86,3%, Caldas o 76%, Vigo o 87% (coa mesma porcentaxe na cidade  que acadou ademais o 100% durante a fin de semana do Marisquiño, e chegando ao 90% en Baiona), O Baixo Miño do 87,4%, O Condado e A Paradanta do 74% e Deza e Terra de Montes do 79%.

Turismo rural

Con respecto ao turismo rural a media provincial de ocupación en agosto foi do 84%. Neste eido, a presidenta provincial fíxose eco dos datos proporcionados pola web escapadarural que sitúan á provincia como a terceira española coa maior porcentaxe de ocupación, soamente superada por Málaga e Cádiz.

Silva detallou o resultado de ocupación de turismo rural por comarcas que chegou ao 89% na do Salnés, 80,5% na comarca de Pontevedra, 92% no Morrazo, 91,4% na comarca de Caldas,  74% na de Vigo, 91,1% no Baixo Miño, 82% nas comarcas do Condado e da Paradanta e ao 71% nas do Deza e Terra de Montes.

Perfil das persoas que acoden ás oficinas de Turismo Rías Baixas

A presidenta tamén facilitou o perfil das persoas que se achegan ás oficinas de Turismo Rías Baixas. Trátanse de persoas españolas (85%) procedentes de Madrid, Barcelona, Biscaia, Valencia e Valladolid. As que proveñen do estranxeiro (15%) veñen de Francia, Reino Unido, Italia, Alemaña e Portugal. O 54% conta con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos e alóxanse en hoteis entre 7 e 15 días. A maioría destas persoas chegan ata a provincia por cuestións relacionadas coa cultura, ocio, gastronomía e natureza e a porcentaxe maioría veu por primeira vez ás Rías Baixas.

Estimacións para setembro do 2019

Carmela Silva tamén adiantou, “con moita prudencia”as estimacións para o mes de setembro e que sitúan á porcentaxe de ocupación nun 51%.

Máis polo miúdo, prevese un 53% para o Salnés, un 56% para a comarca de Pontevedra, un 45,5% para O Morrazo, un 65,6% para a comarca de Caldas, un 54% para a comarca de Vigo, un 57,2% para O Baixo Miño, un 31% para as comarcas do Condado e A Paradanta e un 47,2% para as do Deza e Terra de Montes.

También te puede interesar