Galicia Vigo al minuto

A reforma integral do CEIP García Barbón comezará nuns días e terá un orzamento de 752.000€

A Consellería de Educación vén de adxudicar a rehabilitación integral do CEIP García Barbón a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Os traballos comezarán os vindeiros días.

As actuacións contempladas na rehabilitación integral do centro, cun investimento de 752.416,66€, inclúen medidas para acadar unha mellora da eficiencia enerxética, tales como a instalación de dúas caldeiras de biomasa e a reforma de instalación para quentar os vestiarios do ximnasio, o illamento das fachadas do edificio principal e a colocación de panel sándwich e illamento térmico na cuberta do edificio principal e no ximnasio.

Así mesmo, cambiaranse as fiestras do edificio principal por unha carpintería de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e substituiranse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. A combinación destas actuacións suporá un aforro do 71,51 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 75,59 % en emisións de CO2.

A obra no centro de García Barbón abrangue, tamén, a instalación dun ascensor e a construción dunha rampla para mellorar a accesibilidade ao centro, a colocación de falso teito desmontable nas zonas que carecen del, corredores e sala de usos múltiples, así como a reparación e pintado dos paramentos interiores.

También te puede interesar