Ciencia y Tecnología Galicia

Comezan as rutas para coñecer as Illas Atlánticas con preto de 19.500 prazas dispoñibeis

A Consellería de Medio Ambiente ofertará ao longo deste verán preto de 19.500 prazas para coñecer da man dun guía acreditado o patrimonio natural e ambiental do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Este venres, día 21, está prevista a primeira das rutas guiadas da tempada, que baixo o título ‘Sálvora: unha illa de esculturas e lendas’, permitirá aos 12 participantes na visita achegarse á historia e á natureza desta illa a través dun percorrido polas súas principais rochas e esculturas.

Estas rutas enmárcanse na actividade estival ‘Descubrindo o Parque Nacional’, que ofrecerá ao longo do verán máis de 1.400 excursións aos arquipélagos de Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora co obxectivo de animar aos cidadáns a coñecer os valores destes enclaves naturais, completando e enriquecendo así as actividades de praia ou de sendeirismo que habitualmente fan os visitantes nesta época do ano.

Ons, Cíes, Cortegada e Sálvora

Nas illas de Ons e de Cíes estas visitas desenvolveranse todos os días, salvo que as condicións meteorolóxicas ou algún imprevisto obriguen a anulalas, durante o período que vai do 1 de xullo ao 15 de setembro.

No caso de Cortegada, haberá rutas os luns ou os martes -en función da marea, xa que só se accede a esta illa con marea alta- desde o 1 de xullo ata o 9 de setembro, e no de Sálvora, están programadas para todos os luns, mércores, venres e sábados comprendidos entre o 21 de xuño e o 2 de setembro.

Independentemente da illa de destino, todas as excursións estarán dirixidas por guías do Parque Nacional con máis de 15 anos de experiencia e organizaranse sempre para grupos reducidos –normalmente, 12 persoas en cada quenda- co fin de garantir a máxima calidade da visita a este espazo protexido.

Reservas

Por iso, o número de prazas é limitado e no caso de Cortegada e Sálvora, os interesados en participar nalgunha ruta deberán solicitar a súa praza a través da web da central de reservas habilitada polo Organismo de Parques Nacionais de España www.reservasparquesnacionales.es. Tamén se poderá cubrir esta solicitude acudindo persoalmente ao edificio Cambón, sede do Parque Nacional en Vigo.

No caso de Cíes e Ons as persoas que queiran  poderán facelo presencialmente nas casetas de información localizadas nestas dúas illas no momento da visita, xa que se ofertan prazas a diario aínda que cun número limitado.

A actividade guiada será sempre de balde e os participantes só terán que asumir os custos de desprazamento ata o porto de saída e o transporte en barco ao arquipélago (previamente concertado polo parque).

Cada persoa poderá reservar unha soa ruta por illa e cómpre lembrar que tamén terá que xestionar pola súa conta a correspondente autorización na web https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal/illasr/inicio, requisito imprescindible para comprar o billete nalgunha das navieiras que cobren o transporte regular ao parque en tempada alta.

También te puede interesar