Vigo al minuto

@depo_es e @uvigo dan un novo paso pola igualdade creando a cátedra ‘Feminismos 4.0’

Servirá para  investigar e coñecer os problemas de desigualdade existentes e espallar as figuras de referentes feministas

Cun brinde pola igualdade, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, en compañía de colectivos e asociacións de mulleres da provincia, relacionadas coa cultura e a igualdade, deron este luns, no Pazo de Castrelos, o pistoletazo de saída á cátedra “Feminismos 4.0”.

Silva e Reigosa, cualificados pola directora da Unidade de Igualdade da Universidade como “feministas convencidos”, enxalzaron a importancia desta cátedra para poder investigar e coñecer os problemas de desigualdade existentes e tamén para visualizar e espallar a figura de grandes referentes femininas.

Carmela Silva asegurou sentirse “emocionada” e “orgullosa” pola posta en marcha da cátedra “Feminismos 4.0” nun acto “que é o máis importante no que vou participar como presidenta neste 2019”. Deste xeito, a presidenta asegurou que a cátedra vai permitir “que a provincia de Pontevedra se converta nun referente en Igualdade, nun referente do compromiso máis fermoso que pode existir que é traballar para que nós, as mulleres, esteamos onde nos corresponde”.

A cátedra centrarase en aspectos relacionadas co coñecemento, coa ciencia, coa innovación e coa aportación das enxeñerías ao mundo. Neste aspecto, a presidenta amosou a súa preocupación por cifras que sitúan ás mulleres como o 25% das persoas que se matriculan en carreiras STEM.

“O mundo vai seguir estando dirixido polo 75% dos homes que estudan esas carreiras ou están neses eidos de desenvolvemento e non podemos mirar cara outro lado.  Temos que ter un firme compromiso para conseguir que as mulleres amosen interese polo que vai ser o futuro, xa que as grandes decisións económicas, sociais, políticas, de transformación se van tomar neses eidos e aí temos que estar as mulleres”.

Para o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, “a igualdade ten que estenderse en todas as capas da sociedade e esta ferramenta, a cátedra “Feminismos 4.0”, vai ser importante neste sentido, vai permitir construír un mundo mellor, unha sociedade máis xusta que ten que ser, como non, feminista”. Neste eido, o reitor amosou “unha certa preocupación xa que persoas mozas que deberían estar xa educadas en igualdade non o están. Aínda queda moito por percorrer para construír unha sociedade máis igualitaria”.

A directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez, asegurou que a cátedra “Feminismos 4.0” vaise converter no espazo destinado “ao fomento do pensamento crítico e feminista na sociedade dixital”.

Gómez afondou na importancia do mundo dixital na sociedade actual, na presenza residual de mulleres no ámbito tecnolóxico, no machismo dixital, no carácter sexista dos algoritmos, nas censuras ou en novas formas de violencia sexual. Fronte a elo, a directora da Unidade de Igualdade amosou o seu desexo de que “a cátedra axude a hackear o patriarcado, formando persoas expertas que dende o feminismo esperten o sentido crítico da cidadanía e transformen o mundo nunha realidade máis xusta”.

También te puede interesar