
Sucesos | vigoalminuto
A xornada escolar volveu comezar con desaloxos e intervencións policiais en varios puntos de Galicia. O colexio Otero Pedrayo e o IES Lauro Olmo, no Barco de Valdeorras, o IES Ramón Cabanillas, en Cambados, e o IES Pedra da Auga, en Ponteareas, recibiron este xoves ameazas de bomba que obrigaron a activar os protocolos de seguridade. As inspeccións remataron sen localizar explosivos e o alumnado puido regresar ás aulas.
O primeiro aviso chegou arredor das 8 da mañá ao colexio Otero Pedrayo de Viloria, no Barco de Valdeorras. As clases aínda non comezaran, pero no centro había preto dunha vintena de nenos que participaban no programa Madrugadores.
Pouco despois, a alerta chegou ao IES Lauro Olmo, tamén no Barco, que recibiu unha ameaza por correo electrónico. O alumnado tivo que abandonar o edificio mentres a Policía Local e a Garda Civil revisaban as instalacións. A inspección rematou sen que os axentes atopasen ningún artefacto e os estudantes puideron volver ás aulas.
Os avisos estendéronse tamén a outros puntos de Galicia. En Cambados, os alumnos do IES Ramón Cabanillas foron evacuados durante a mañá, mentres que en Ponteareas o protocolo de seguridade activouse no IES Pedra da Auga. Nos dous casos, os desaloxos responderon a ameazas de bomba.
Xa son 80 os centros educativos afectados
O sucedido este xoves chega apenas un día despois dunha vaga de avisos que afectou polo menos 80 centros educativos galegos. Este mércores, numerosos colexios e institutos recibiron correos electrónicos simultáneos con falsas ameazas de bomba, o que obrigou a activar os protocolos de seguridade e a mobilizar as forzas policiais. Ningunha das inspeccións realizadas permitiu localizar explosivos.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegurou este xoves que a Policía está a avanzar na identificación do posible responsable dos avisos. Definiu o sucedido como unha situación «certamente rara» e destacou a coordinación entre a Consellería de Educación, a Xunta e as forzas e corpos de seguridade do Estado.
«Afortunadamente foron ameazas que non se traduciron en realidades», afirmou Blanco, que quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade ás familias e á comunidade educativa. O delegado garantiu que se manterán os protocolos de actuación para preservar a seguridade dos escolares.
A investigación policial continúa para identificar a persoa ou persoas que están detrás desta sucesión de ameazas.
OuTrAs NoVaS
- Castelao volve ao escenario no Rosal cunha das grandes obras do teatro galego
- Novas ameazas de bomba obrigan a desaloxar colexios e institutos en varios concellos
- Los líos amorosos de ‘El otro lado de la cama’ vuelven con cuatro funciones
- Una especialista del Álvaro Cunqueiro presidirá la Asociación Española de Cirujanos
- El PSOE recorta distancias con el PP a once días del 29-N





