Destacados Vigo al minuto

Concentración este martes contra a apertura dunha casa de apostas en Navia

Tal como anunciara en rolda de prensa o pasado día 17, a Asociación Veciñal Novo Vigo e outras vinte e cinco organizacións dos ámbitos social, educativo e sindical celebrarán este martes día 30 ás 20:00h unha concentración contra a apertura dunha casa de apostas no barrio.

Esta acción enmárcase na campaña de mobilizacións que o colectivo veciñal puxo en marcha, logo de coñecerse que a apertura da casa de apostas era inminente, e que continuará nas vindeiras semanas con novas accións informativas e de concienciación.

A asociación veciñal observa con preocupación como este tipo de negocios estanse a abrir masivamente na cidade. Este fenómeno vénse repetindo dende hai xa varios anos por toda a xeografía española, e xa amosou os seus devastadores efectos no pasado, noutros lugares coma o Reino Unido.

Segundo a portavoz da Asociación Novo Vigo, María Pillado Fernández, “a ubicación desta casa de apostas é especialmente problemática ao estar situada entre dous parques infantís, fronte ó INEM e a asociación COGAMI, e próxima á ESADdeG ou á Sala de Lectura que abrirá en breve, nun barrio coma o noso onde a poboación é nova e case un terzo da mesma é menor de idade”.

También te puede interesar