Comarcas

@AsNevesConcello xa ten en funcionamento o centro de compostaxe á beira da Casa da Xuventude

O novo centro de compostaxe comunitaria situado á beira da Casa da Xuventude de As Neves xa funciona a pleno rendemento.

Na tarde de onte o persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra realizou unha charla informativa entre a veciñanza da zona para explicar o funcionamento e como achegar o lixo orgánico, e no día de hoxe xa apareceron bastantes aportacións de biorresiduos.

As preguntas máis frecuentes que tivo que responder o persoal técnico foron relativas a posibles cheiros, á necesidade de tapar o lixo con estruturante, e a quen se vai ocupar da xestión dos composteiros. Os mestres e mestras composteiros explicaron que os malos olores non se producen nunca cando hai un seguimento e control por parte deles, xa que se encargan de vixiar os niveles de enchido, de se a mestura entre o lixo e o estruturante é a correcta, de facer os remexidos correspondentes, de tomar as temperaturas para garantir que o compost se hixieniza, e de facer as trasfegas dos materiais entre os módulos de maduración.

O centro de compostaxe comunitaria da Casa da Xuventude está dimensionado para atender a toda a cidadanía dun radio duns 150 metros, é dicir, ás persoas que viven nas 77 vivendas máis próximas, ademais de asumir os incrementos poboacionais que se poidan producir por vacacións ou por novos habitantes.

As seguintes postas en marcha de composteiros comunitarios en As Neves serán o xoves 21 de marzo ás 18.30 horas nas inmediacións do centro de compostaxe da rúa Marquesa do Pazo, e o mércores 27 –á mesma hora- no composteiro situado no aparcadoiro anexo ao cemiterio.

También te puede interesar